O
Grupo Popular apoiou o pasado xoves a aprobación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei do BNG a través da que se solicita ao Goberno de España a reorganización dos horarios da liña ferroviaria Vigo-Coruña para facilitar a conciliación laboral e familiar; garantir a puntualidade e a seguridade deste servizo; ampliar e flexibilizar os abonos; así como unha política tarifaria que inclúa descontos e que remate coa discriminación que sofren as persoas usuarias da liña Ourense-A Coruña.A deputada popular Noelia Pérez explicou que “imos apoiar estas propostas porque tanto o PPdeG como a Xunta van estar sempre a favor das iniciativas encamiñadas a promover e defender a mobilidade dos galegos a través dun tren moderno e de calidade que complemente a rede de transporte interurbano de Galicia”.
IMPORTANCIA DO EIXO ATLÁNTICO
Na súa intervención, lamentou que o Goberno de España “leva meses escudándose na pandemia para eliminar servizos e frecuencias en toda Galicia, a pesar de que o Eixo Atlántico ferroviario consolídase como o segundo núcleo máis importante de media distancia en España, segundo o pon de manifesto un informe do Observatorio do Ferrocarril de España”.
“O Eixo Atlántico bate récord de demanda a pesar da falta de frecuencias e servizos axeitados, dos reiterados atrasos, de non cumprir o Ministerio coa obriga de servizo público, da rixidez dos bonos de transporte e das dificultades que está a poñer Renfe para que os viaxeiros podan beneficiarse das bonificacións que si aparecen ofertadas na súa política comercial”, engadiu.
Noelia Pérez recordou que “tanto desde este Parlamento como desde a Xunta levamos meses reclamando de forma reiterada e contundente ao Goberno de España un compromiso firme en materia ferroviaria nas conexións interiores e unha oferta que responda á demanda dos galegos e que garanta o seu dereito á mobilidade”.
NOVO VOLANTAZO COA LEI DE MOBILIDADE SOSTIBLE
Ademais, a deputada popular explicou que a futura Lei de mobilidade sostible supón “un novo volantazo do Goberno de Pedro Sánchez que establecerá a viabilidade do ferrocarril en termos de competencia con outros modos de transporte, polo que apostarán polo tren só en situacións nas que sexa competitivo”.
Esta lei tamén contempla unha revisión de criterios para declarar obrigacións de servizo público, facéndoos máis restritivos e antepoñendo principios económicos, ao tempo que considera a mobilidade entre pequenos pobos e cabeceiras de comarca como unha competencia das comunidades e ao Estado como un mero facilitador.
“O que está claro é que o Goberno de España quere deixar de prestar servizos de media distancia aducindo criterios de rendibilidade, e aí volverán a atoparse de fronte con este grupo parlamentario e a Xunta, que xa está a ultimar as alegacións que presentará ao anteproxecto na defensa dos intereses dos viaxeiros galegos”, afirmou.
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a demandar do goberno do Estado:
- reposición da frecuencia diaria Coruña-Vigo con saída ás 18 h
-estudo da modificación dos horarios de saída a primeira hora da mañá de Coruña e pola tarde de Vigo.