O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reclama ao Goberno Central máis información e máis concreción nos prazos de chegada da alta velocidade a Galicia, unha vez que parece desbotada polo Ministerio de Transportes a mellor opción para o PPdeG, que era a de modificar o ancho de vía entre Ourense e Santiago para facilitar a circulación dos AVE ata a capital galega.
O portavoz popular de Infraestruturas, Diego Calvo, considerou esa información “necesaria para os galegos” e da que a Xunta tan só ten coñecemento “a través dos medios de comunicación”.
“O AVE chegou a Galicia con moitísimo retraso e fíxoo de forma incompleta porque, a día de hoxe, non hai trens suficientemente rápidos para o resto das cidades, non funciona a variante de Cerdedo e porque ninguén fala da súa continuidade ata Ferrol”, explicou Diego Calvo, ao tempo que lembrou que polas liñas do EixoAtlántico entre A Coruña e Vigo, e tamén entre Santiago e Ourense, seguen circulando os trens Alvia e Avant, que alcanzan unha velocidade máxima de 250 quilómetros por hora.
INCUMPRIMENTO DOS TEMPOS DA VIAXE
Ante esta situación, a realidade é que non se compren “nin de lonxe” os tempos de viaxe previstos e de aí a reclamación de axilizar as xestións e os traballos que debe acometer o Goberno Central, así como a obtención dun cronograma que defina as diferentes actuacións a poñer en marcha.
“A Xunta está a dar sobradas mostras da súa preocupación pola mobilidade dos galegos dentro das súas competencias, en todo o relativo aos autobuses, mentres que o Goberno central está a prexudicar todo o que pode e máis aos galegos, sobre todo aos residentes no entorno rural”, denunciou Calvo.
Neste senso, lembrou que aínda non se repuxeron as liñas e frecuencias suprimidas por mor da pandemia sanitaria e criticou a nova Lei de Mobilidade que prepara o Goberno de Pedro Sánchez e que concibe “o transporte ferroviario como un luxo e non como un servizo público, que é o que verdadeiramente ten que ser”.
LEI ESTATAL DE MOBILIDADE
Con respecto a esta nova normativa aprobada xa polo Consello de Ministros, Calvo lembrou que a Xunta presentará alegacións facendo especial mención aos prexuízos que causará na conectividade do rural, pois anuncia “a morte dos trens de media distancia en Galicia” ao entender o seu funcionamento en termos de rendibilidade en lugar de como servizo público indispensable.
“Polas medidas que se promoven nesa lei, parece que o Goberno de España entende a mobilidade como un privilexio, máis que como un dereito dos cidadáns”, denunciou o deputado popular, quen insistiu na “exclusión do rural por parte do Goberno de España ao condicionar as obras de infraestruturas viarias e ferroviarias a estudos que acrediten a súa rendibilidade económica e financeira, o que suporía renunciar a máis da metade das autovías planificadas”.
Dirixíndose directamente ao voceiro do BNG, Diego Calvo reclamou a súa postura sobre esta lei e afeoulle o feito de que “critican ao PSOE só coa boca pequena porque queren manter os seus sofás nos gobernos que comparten en concellos e deputacións”.
A ao resto dos grupos solicitou o seu apoio para reclamar información concreta sobre as previsións que manexa o Ministerio para a chegada da alta velocidade a toda Galicia e as novas conexións ferroviarias que pretende implantar para comunicar Galicia de xeito directo co resto de España, así como dos avances para a variante exterior de Ourense, a reforma da praia de vías ou o intercambiador previsto á saída da estación de Ourense.
Finalmente,
tras defender novamente como mellor opción a realización das obras necesarias
para dotar á vía de ancho internacional en substitución do ibérico actual,
o portavoz popular reclamou ao Goberno central información
sobre cando estarán dispoñibles os trens de rodadura desprazable,
pois a previsión estaba fixada para este verán pero hai uns días a ministra
abriu a porta a un novo posible retraso por problemas de homologación con
Renfe.