viernes, 18 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia pon en marcha un plan de choque para paliar a situación económica agravada pola guerra coa ampliación do bono social térmico e con medidas específicas para o rural e a pesca

 

Onte en Lugo o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a posta en marcha dun plan de choque para paliar a situación económica agravada pola guerra en Ucraína, coa ampliación do bono social térmico e con medidas específicas para o rural e a pesca.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo referiuse en primeiro lugar á axilización do lanzamento do bono social térmico, que beneficiará a máis de 66.400 familias que recibirán un ingreso único para os gastos de calefacción, auga quente e cociña. “Estamos a falar dun total de 13,1 millón de euros”, precisou, subliñando que cada familia recibirá unha cantidade que oscilará entre os 128 euros e os 373 euros, dependendo da zona climática na que vivan e de se son consumidores vulnerables ou vulnerables severos.

O titular da Xunta avanzou tamén que este bono social complementarase de xeito extraordinario con 100 euros, o que suporá un orzamento adicional de máis de 6,6 millóns de euros.

No ámbito rural, avanzou que o Consello da Xunta adoptou esta mañá unha batería de medidas para aportar liquidez ás ganderías galegas, tanto pola vía das liñas de financiamento de circulante como de anticipos das axudas que perciben os gandeiros. “E tamén reclamamos ao ministro de Agricultura que o Banco de España ou as autoridades bancarias europeas autoricen ás entidades financeiras a concesión dunha moratoria dun ano no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo que teñen vivos os gandeiros”, engadiu.

En relación ao sector do mar, Feijóo aseverou que a Xunta articulará compensacións para os profesionais no pago de, como mínimo, dous meses das taxas nos portos de titularidade autonómica.

Estamos a falar dunhas medidas urxentes e transitorias. E, neste momento, estamos xa a avaliar outras adicionais que poremos en práctica nos vindeiros días”, aseverou, incidindo na necesidade de que o Goberno central adopte medidas de forma inmediata, ante a suba desorbitada dos prezos e o conflito do transporte.

Nesta liña, pediu novamente ao Goberno central que estenda ata final de ano as reducións impositivas vixentes; que as amplíe coa redución do IVE ao tipo superreducido para a electricidade e o gas; e que solicite á Unión Europea unha redución excepcional do imposto de hidrocarburos e do IVE que grava a gasolina e o gasóleo; e exencións á Seguridade Social de traballadores de determinados sectores económicos afectados especialmente pola crise.

Por outra banda, o responsable do Goberno galego destacou tamén a creación dun Comité galego de emerxencia ante a crise humanitaria de Ucraína, que estará integrado pola Delegación do Goberno; a Fegamp; as entidades sociais dedicadas á protección internacional, á atención de menores e á cooperación internacional; pola Vicepresidencia primeira e polas Consellerías de Medio Ambiente, Cultura e Educación, Sanidade, Emprego e Política Social.

“Este comité será fundamental para apuntalar a coordinación na atención aos refuxiados en Galicia e atender todas as necesidades que poidan ter”, dixo, insistindo en que este obxectivo é prioritario para a Comunidade.