A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou onte as obras de mellora do firme na estrada OU-533 ao paso polos concellos da Gudiña, O Bolo e Viana do Bolo, que suporán un investimento de case 1,4 millóns de euros.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica o inicio da contratación desta intervención, á que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 2 de maio.
A Xunta prevé iniciar as obras en verán co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano.
Trátase da rehabilitación do firme da estrada OU-533 no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+8 e 33.
Nos treitos que presenten peor estado fresarase unha capa de 5 cm de espesor, que será reposto con mestura betuminosa en quente.
Ademais os traballos inclúen a limpeza de gabias e a execución nalgúns puntos de gabias de seguridade formigonadas.
Tamén se realizará o repintado da sinalización en todo o treito de actuación.
A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.