Onte o Alberto Núñez Feijóo comunicou ao presidente do Parlamento de Galicia a súa renuncia como presidente da Xunta no transcurso dunha reunión celebrada na sede do Lexislativo galego. E no Pazo de Raxoi fuixo esta declaraión institucional:
"Membros do Goberno de Galicia,
Comparezo neste salón nobre do Pazo de Raxoi logo de manter un encontro co Presidente do Parlamento e presentarlle a miña renuncia como presidente da Xunta de Galicia.
Previamente, comuniqueille a miña decisión aos membros do Grupo Parlamentario Popular, que cos seus votos me investiron presidente; e veño tamén , por suposto, de informar ao Xefe do Estado, a S.M. O Rei Felipe VI e tamén ao presidente do Goberno de España.
Veño de facer un Consello extraordinario con todos os membros do Goberno da Xunta, directamente afectados porque, como saben, cesarán automaticamente e quedarán comigo en funcións en canto a miña dimisión sexa efectiva coa súa publicación no Boletín Oficial do Estado.
De acordo cos regulamentos previstos, e en cumprimento da Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente, teño, pois, comunicado á Cámara a decisión persoal de cesar nas miñas actuais responsabilidades institucionais. Decisión que agora quero compartir a través desta declaración con aqueles que me outorgaron a súa confianza todas as veces que llela pedín, é dicir, con todos os galegos e todas as galegas.
Diante desta Catedral de Santiago, na praza onde conflúen os camiños que cohesionan Europa e España, trasládolles que a miña andaina como presidente de Galicia remata aquí. Desta volta, Santiago e Galicia, que sempre son unha meta, son tamén para min un novo comezo.
Din moitos artistas que comezar unha obra semella o máis complicado, pero que finalmente acaban dándose conta de que o máis difícil é completala e saber que é o final.
Eu, que lonxe de ser un artista son un servidor público, un servidor ao servizo de todos os galegos, dou fe de que, aínda que os comezos hai 13 anos, nun mes de abril como este, puideran parecer difíciles...
... o máis complexo, sen dúbida, é ter que poñerlle fin a este período.
Entregueime a Galicia coa modestia de ser un galego máis, pero consciente en todo momento da confianza, da responsabilidade e das expectativas.
Agora que o meu labor como presidente está a piques de quedar sometido ao xuízo do tempo, quero recalcar o que para min foi un principio inmutable.
Por riba dos erros –polos cales pido o perdón indulxente dos galegos—...
Os intereses xerais desta terra foron para min principio e final da miña tarefa á fronte da Presidencia da Xunta.
A miña prioridade máis absoluta, e a que lle pedín aos meus gobernos: todo cos galegos; nada sen Galicia.
As circunstancias que me levan a renunciar son abondo coñecidas.
Non en van, tamén tentei transmitir, en todos estes anos, que á hora de tomar decisións nunca me orientei polo que era máis doado nin máis cómodo para min, senón polo que creo máis convinte e, en último termo, polo que creo mellor para os intereses de todos.
Con anterioridade a estas últimas semanas, nunca concibín pronunciar estas palabras de renuncia nestas circunstancias.
Pero tampouco cheguei a imaxinar que a política en España, o servizo público, o interese xeral, ía ser refén -e durante tanto tempo- da frivolidade, a polarización e o populismo que se ten instalado. Non quero nin podo compartir a premisa de que no conxunto de España é imposible o que si foi posible en Galicia.
Deixo esta responsabilidade orgulloso dun pobo que rexeitou sucesivamente a fragmentación e a vacuidade… e que, en cambio, optou pola unidade e a moderación.
Unidade como reflexo da integración e a cordialidade que latexa no noso pobo e que moldea, desde tempos inmemoriais, a nosa identidade.
Moderación como aliada para que os logros colectivos sexan perseguidos por amplas maiorías que non vaian contra ninguén, nin dentro nin fóra desta terra.
En efecto, a autonomía galega fai gala desta combinación: unidade e moderación. Non só se inscribe, senón que participa activamente nas realidades española e europea, e faino sen nutrir no seu seo a semente da división. As autonomías son Estado e Galicia así o comprendeu. Sen fisuras. Sen complexos.
Sobre esa unidade e moderación derivada do galeguismo integrador levantamos unha condición que é imprescindible para calquera avance social: a estabilidade. A estabilidade foi a materia prima fundamental para apuntalar nestes anos a prosperidade e o benestar de Galicia, malia todas as condicións adversas que non deixaron de acompañarnos durante os 13 anos.
Non en van, tomo posesión por primeira vez en medio dunha profunda crise financeira e realizo a miña despedida en medio dunha crise económica, acrecentada pola guerra ás portas de Europa, e tras loitar contra unha pandemia sen precedentes.
En todos os momentos difíciles que marcaron esta andaina, a estabilidade fixo posible que o avance de Galicia non se detivera nunca.
Todas as adversidades axudaron a corroborar que a democracia representativa e o autogoberno, ademais de colmar as necesidades afectivas, son útiles efectivos para afrontar situacións complexas.
A democracia permítenos implicar a todo o tecido social na toma de decisións e na súa implementación, mentres que o autogoberno fai posible adecuar esas decisións ás nosas particularidades. A plena normalidade coa que se está a efectuar esta renuncia, aínda sendo un escenario inédito, é unha proba máis da solvencia da nosa autonomía.
A superioridade desas dúas formas de organizar a nosa convivencia viuse ratificada na práctica, aínda que iso non significa que sexan principios que se defendan por si mesmos. Precisan ser cultivados sen acougo a fin de evitar o retorno a épocas funestas ou rupturas traumáticas coa legalidade.
Teño a convicción de que se fará, e que se fará con acerto. Non teño dúbida algunha de que o galeguismo constitucional que herdei dos presidentes Albor, Laxe, Fraga e Touriño, e que eu tratei de exercer, será tamén a guía de quen colla agora o relevo para que siga sendo parte do noso acervo colectivo.
Algunhas humanamente inesquecibles. As vítimas da COVID. Os falecidos en Angrois. Os mariñeiros finados ou desaparecidos no Villa de Pitanxo e en tantos outros naufraxios. A crueldade incendiaria que tamén se levou por diante a vida de catro persoas en 2017.
Momentos duros, que levarei sempre comigo... pero nos que sempre nos sentimos reconfortados ao constatar a gran humanidade do pobo galego.
Outros desafíos foron sociais e económicos, e mesmo en ocasións sen precedentes nos que apoiarse ou inspirarse.
A virulenta crise económica que nos recibiu en 2009 foi un reto maiúsculo. Socialmente, sen dúbida, porque afectou a milleiros de familias con membros en paro ou que viron seriamente diminuídos os seus recursos. Pero tamén porque a caída drástica dos ingresos puxo a proba a fortaleza e a madurez do autogoberno galego.
Galicia saíu adiante e reforzada. Hoxe é unha comunidade cuxa economía converxe con España como nunca antes, cun dos menores niveis de endebedamento per cápita de España, cun desemprego menor que daquela, e con 5 récords consecutivos de exportacións.
Sen dúbida, a pandemia supuxo outro enorme desafío a todos os niveis, que deu a medida da nosa condición de pobo capaz, de pobo solidario e de pobo afectuoso. E tamén puxo de relevo o elevadísimo nivel do noso sistema sanitario público e dos profesionais que o conforman.
Unha “xoia” do noso sistema de benestar, como sempre a considerei, sen a cal sería imposible explicar por que fomos a comunidade peninsular con menor mortalidade ou por que fomos líderes nacionais en vacinación. A profesionalidade dos sanitarios, como doutros colectivos esenciais, xa forma parte da Historia do país.
Galegas e galegos, nunca gobernei para alimentar unha vaidade persoal. Gobernei sabendo que, cada obra, cada avance que tiña a honra de impulsar, era obra de toda Galicia. Así rezan todas as placas que descubrín nestes 13 anos. “Das galegas e galegos de hoxe para as galegas e os galegos do mañá”.
Pois ben. A Galicia que presidín desde 2009 deixa para a Galicia de 2022 e sucesivos anos un balance do que humildemente creo que nos podemos sentir orgullosos todos.
Unha rede de hospitais renovada –con centros de referencia como o novo Álvaro Cunqueiro de Vigo ou o hospital de Lugo ou os hospitais que estamos ampliando ou reformando ou o novo hospital que estamos construíndo na Coruña—.
A construción e reforma dun centenar de centros de saúde.
Unha taxa de fracaso escolar reducida á metade, máis oportunidades dixitais e de idiomas para os nosos rapaces, e as universidades máis accesibles de toda España.
A gratuidade de escolas infantís que entrará en vigor en setembro.
Un novo modelo sociosanitario de vangarda para os nosos maiores, e novos recursos de conciliación como as casas niño e casas do maior para as aldeas de Galicia.
A gratuidade do transporte interurbano para os galegos de ata 21 anos, e as estacións intermodais impulsándose en todas as cidades de forma simultánea.
Menos impostos. Para todos, e de forma especial para as rendas baixas e medias e tamén para o rural e, por tanto, para as familias que máis o precisan.
E, en xeral, unha Galicia líder na produción de vehículos en España, no sector téxtil global, con potencial sectores innovadores e consolidada como potencia pesqueira europea, referencia láctea e forestal.
Unha Galicia preparada, tamén, para encarar a recuperación da post-pandemia e aproveitar os fondos europeos para achegar novos horizontes de prosperidade.
A todos estes logros colectivos tentei aportar sempre coa máxima responsabilidade e nunca en soidade.
Fíxeno acompañado polos membros dos meus Gobernos. Parte deles están hoxe aquí... e lamentablemente un (Valeriano Martínez) non pode estar, pero seguro poderá escoitar as palabras de agradecemento que lles quero reiterar a todos.
Aos membros dos gabinetes, das secretarías, dos equipos de comunicación... a todos... e loxicamente dun xeito especial aos que me acompañaron máis de preto.
A exixencia que sempre tentei transmitirlles, á altura do papel que nos foi encomendado, hoxe merece un paréntese en forma de agradecemento infinito. Queda na miña memoria a vosa profesionalidade, dedicación e compromiso.
En segundo lugar estiven acompañado dos traballadores dos servizos públicos, dúas palabras –servizo público— que atopan sentido no traballo diario de milleiros de persoas dedicadas en corpo e alma aos demais.
Grazas tamén a todas as institucións, sociedades, asociacións, colectivos, empresas, sindicatos, medios de comunicación.. que coa súas achegas nos orientaron e contribuíron decisivamente a construír unha Galicia mellor.
Grazas tamén á oposición, as mulleres e homes que durante estes anos, en distintas formacións políticas, exerceron o seu labor constitucional e estatutario, indispensable nunha democracia madura. Con maior ou menor acerto e con maior ou menor vehemencia, a súa actitude crítica, o control ao Goberno e a súa capacidade propositiva tamén foi imprescindible para que Galicia seguise avanzando durante este período.
E permítanme que agradeza tamén á miña familia e seres queridos por apoiarme en todo momento e pola súa compresión. Tamén neste tempo vivín os mellores e os peores momentos a nivel individual.
Galicia ensinoume a admirar a unha xente educada pola historia na tolerancia e o diálogo.
Ningún lugar mellor que este pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro e fronte á catedral de Santiago para marcar o colofón dunha etapa persoal que non supón a interrupción dun modelo de convivencia referendado reiteradamente polo pobo galego.
Hai unha mestura de tristura e satisfacción no meu estado de ánimo. Achegar todo o que un ten á obra sempre inacabada de Galicia deixa un cúmulo de experiencias inesquecibles que neste momento están máis vivas que nunca. Sempre sentín a proximidade e o cariño dos galegos, e por iso non é doado asumir novas obrigas que requiren unha inevitable distancia física, aínda que non anímica.
Porén, este sentimento vese compensado pola certeza de que as pautas que o pobo galego marcou coa súa vontade soberana, vanse manter.
Porque o protagonista desta peregrinación que se iniciou en 2009 é o pobo galego. Eu só fun o intérprete dunha partitura escrita polos galegos e para os galegos. A Constitución Española e o Estatuto de Autonomía proporcionounos unha ferramenta que utilizamos para entendernos, ser libres e medrar xuntos. Ese é o pobo que gobernei, do que me sinto fondamente orgulloso
Los liderazgos no miden su valor por el vacío que dejan, sino por la continuidad y la unidad que garantizan.
Los modelos políticos consistentes, al menos aquellos en los que yo creo, comienzan y finalizan en grandes mayorías. Surgen de un amplio respaldo popular y puede decirse que tienen éxito si finalizan con una sociedad unida y no fracturada.
Me voy tranquilo porque creo que eso lo he conseguido junto con el conjunto de los gallegos: la Galicia cordial sigue en pie, más viva que nunca.
Es el galleguismo entendido como casa común de todos los gallegos, alejado de nacionalismos intransigentes y de centralismos de otros tiempos, sobre lo que se levanta una cohesión social clave para entender el tiempo que vive España.
Ser distintos no implica ser hostiles a nadie, ni rechazar cambios, ni establecer fronteras ni levantar trincheras.
Si los gallegos lo hemos entendido así, tengo fe en que el conjunto de España también vuelva a hacerlo finalmente.
Señoras e señores. Pódese e débese servir a España dende Galicia. Así o demostramos neste periplo que culmina. Galicia é España. A nación española que reafirma a Constitución fainos máis fortes como nacionalidade histórica e proporciónanos a canle axeitada para estar presentes no concerto dos grandes pobos do mundo. Unha Galicia illada sería algo diferente á nosa Galicia.
Señoras y señores. Se puede y se debe servir a Galicia desde España. Galicia es una prueba de que la España de las autonomías:
Lejos de generar problemas, puede ayudar a resolverlos.
Lejos de desvertebrar el Estado, ayuda a coserlo y a armonizarlo.
Non hai que elixir entre dúas fidelidades antagónicas, como sosteñen os nacionalismos excluíntes. Pódese seguir sendo discípulo de Galicia asumindo outras responsabilidades nas que, sen dúbida, as moitas leccións aprendidas aquí servirán para atopar o camiño axeitado.
Finalizo xa. Como calquera peregrino, neste labor que hoxe remato souben que non camiñaba só senón acompañado de cada un dos cidadáns desta Terra. Nas cidades, nas vilas, nas aldeas e nos recunchos.
Son eles os que seguirán procurando novos éxitos a este pobo no futuro. Estou convencido de que seguirán chegando.
A eles me dirixo por última vez como o seu presidente, coa satisfacción do deber cumprido.
Ser designado presidente deste pobo secular, servir á causa da súa liberdade, prosperidade e benestar, é unha honra que nunca poderei agradecer dabondo aos galegos.
Xa non serei o responsable do seu Goberno, pero seguirei sendo un galego máis para sempre.
Din que dicir adeus é despedirse e esquecer, así que isto non o é, porque Galicia foi e seguirá sendo parte fundamental do meu camiño.
E porque seguirá sendo unha orgullo servila alá onde estea, desde calquera responsabilidade.