Difunde hoxe o INE a Enquisa de Poboación activa (EPA) correspondente ao 1º Trimestre de 2022. Estos son os principais datos procesados polo Instituto Galego de Estatistica (IGE)
Poboación activa
No primeiro trimestre de 2022 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.340.200 persoas, das cales 1.232.400 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 52,7%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas aumenta en 6.000 persoas e a taxa de actividade crece 0,3 puntos respecto ao cuarto trimestre de 2021.
Con respecto ao mesmo trimestre de 2021, o número de persoas activas aumenta en 14.300 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,7 puntos.
Por sexo, a taxa de actividade masculina aumenta 0,1 puntos, situándose no 57,1%. A taxa de actividade feminina tamén aumenta, neste caso 0,3 puntos porcentuais, e sitúase no 48,5%.
Poboación ocupada
A ocupación aumenta en 100 persoas no primeiro trimestre de 2022 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.091.400 persoas ocupadas. A taxa de ocupación mantense no nivel do trimestre pasado, isto é, no 46,6%.
Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 31.600 persoas, o que supón un incremento do 3% en termos relativos.
Por sexo, neste trimestre aumentou a ocupación masculina pero diminuíu a feminina: o número de ocupados varóns creceu en 800 persoas respecto ao cuarto trimestre do ano 2021; a ocupación das mulleres rexistrou, pola súa banda, un descenso de 700 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nun incremento da taxa de ocupación masculina de 0,1 puntos; a taxa de ocupación feminina mantense no mesmo valor que no trimestre pasado.
Con respecto ao primeiro trimestre do ano 2021, o número de homes ocupados aumenta en 17.600 persoas (un 3,2%), mentres que o de mulleres ocupadas aumenta nun 2,8%
Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre aumenta nos servizos e na construción, pero diminúe nos sectores primario e industrial. Nos servizos a ocupación increméntase en 4.500 persoas no primeiro trimestre do ano respecto ao anterior; na construción, o incremento cífrase en 4.200 persoas. O sector primario rexistra unha diminución de 4.000 traballadores e traballadoras e, na industria, a baixada cífrase en 4.600 persoas.
Con respecto ao mesmo trimestre de 2021, a ocupación diminúe no sector primario (un -6,6%), e aumenta na industria, na construción e nos servizos (0,2% no primeiro caso, 7,7% no segundo e 4% no terceiro).
Poboación asalariada
En Galicia había 892.200 persoas asalariadas no primeiro trimestre de 2022, 691.900 con contrato indefinido e os 200.400 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 22.800 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido, o que supón un incremento de 3,4 puntos en termos relativos. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe, pola contra, en 14.800 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 6,9% con respecto ao cuarto trimestre de 2021). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 6%, e as persoas con contrato temporal aumentaron un 0,8%.
A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 22,5%.
Poboación parada
No primeiro trimestre de 2022 en Galicia había 141.000 persoas en paro, 5.900 máis que no trimestre anterior. A taxa de paro aumenta 0,4 puntos e sitúase no 11,4%.
Con respecto ao primeiro trimestre do ano 2021, o número de parados e paradas diminúe en 17.300 persoas (un 10,9%) e a taxa de paro diminúe 1,6 puntos en termos interanuais.
Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, aumenta tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados sitúase en 64.700 persoas (1.600 máis que hai tres meses) e o de mulleres é de 76.400 persoas (4.400 mulleres máis en paro). A taxa de paro masculina aumenta 0,2 puntos porcentuais e a feminina 0,7 puntos, situándose a primeira no 10,1% e a segunda no 12,9%.
No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino baixa en 10.000 persoas (un 13,4% menos) e o volume de paradas diminúe en 7.200 persoas (un 8,6% menos que hai un ano).
Fogares
No primeiro trimestre de 2022, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 200 unidades e sitúase en 50.700 fogares. Respecto ao primeiro trimestre de 2021, esta tipoloxía de fogares redúcese un 8%.
Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 4.300 unidades. O número de fogares nesta situación é de 630.600. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 30.900 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 5,2% en termos relativos.
Poboación xuvenil
Dos 319.400 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 111.300 (o 34,8%) están ocupados/as, 36.500 (o 11,4%) parados/as e os 171.600 (o 53,7%) restantes son inactivos.
A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 34,8% no primeiro trimestre de 2022. Con respecto ao trimestre anterior diminúe 0,5 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2021 aumenta 4,5 puntos.
A taxa de paro xuvenil sitúase no 24,7% neste trimestre; aumenta 1,6 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co primeiro trimestre de 2021, redúcese 2,6 puntos.
No primeiro trimestre de 2022, o 73,8% dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao cuarto trimestre de 2021, esta cifra diminúe un 4,4%; a cifra de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial aumenta neste trimestre, en 1.800 persoas. Con respecto ao primeiro trimestre de 2021, aumenta tanto a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 10.200 persoas), como a ocupación a xornada parcial (en 3.800 persoas).
Dos 102.700 asalariados e asalariadas existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 46,1% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. O número de mozos e mozas con contrato indefinido aumenta un 12,4% respecto ao trimestre anterior; aumenta tamén, neste caso un 23,5%, respecto ao mesmo trimestre de 2021. O número de mozos e mozas asalariadas con contrato temporal redúcese un 9% respecto ao trimestre pasado, e aumenta, pola contra, un 10,1% respecto ao primeiro trimestre de 2021.
A taxa de temporalidade para o colectivo dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 54%
Grandes concellos
Se comparamos os datos dos sete grandes concellos galegos (aqueles que superan os 50.000 habitantes), observamos que Santiago e Lugo son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (51,2% e 52,5% respectivamente) no primeiro trimestre de 2022. Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (38,1%). No referido ás taxas de paro, este trimestre Lugo é o concello de entre os sete grandes con menor valor (7,8%) e Ferrol o que presenta a taxa de paro máis elevada (22,4%).
Ourense
Estos son os principais datos da nosa provincia:
A 30 de marzo en Ourense había 15.100 persoas paradas, 1.900 máis que a 31 de decembro de 2021.
A taxa de actividade queda situada no 48,5 % e a de paro no 11,7 %.
A poboación ocupada ao remate do primeiro trimestre é de 114.700 persoas, 1.300 menos que a finais de decembro de 2021.