miércoles, 6 de abril de 2022

Inquedanza” de Galicia ante a futura Lei estatal de mobilidade sostible que propón supeditar a execución de estradas á rendibilidade económica, o que dificulta garantir a conectividade no rural



Hoxe a
 conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, apelou á implicación do conxunto de comunidades autónomas para evitar que a futura Lei estatal de mobilidade sostible agrave as desigualdades territoriais.

Ethel Vázquez Mourelle participou esta maña de xeito telemático no 5º Congreso Andaluz de Carreteras, que se celebra desde hoxe en Granada e cuxa organización é impulsada pola Asociación Española de la Carretera en colaboración coa Consejería de Fomento, Infraestructuras y Territorio do Goberno andaluz.

 Nese marco, manifestou a “inquedanza” de Galicia ante o anteproxecto de Lei de mobilidade sostible do Executivo central, ao que a Xunta vén de presentar alegacións, e que considera lesivo para a Comunidade galega.

Lembrou que Galicia conta con 30.000 núcleos de poboación caracterizados pola dispersión e o avellentamento e precisa de vías de comunicación axeitadas. Neste sentido, rexeitou a proposta da Lei de supeditar a execución de novas estradas á rendibilidade económica.

Vázquez Mourelle rexeitou as políticas viarias que cuestionan os investimentos en novas vías vertebradoras e se limitan a promover a concentración de poboación nos grandes centros urbanos e manifestou o orgullo de Galicia ao ser unha comunidade eminentemente rural, pero indicou que o obxectivo de seguir mantendo esta esencia non pode cumprirse sen unha axeitada conectividade.

Por ese motivo, a conselleira chamou á responsabilidade e á solidariedade das comunidades e dos axentes sociais para facer das políticas de mobilidade e de xestión de estradas un motor de igualdade e integración territorial.

Na súa intervención, Ethel Vázquez cualificou de “erro” a decisión de impedir destinar fondos ‘Next Generation’ á execución de estradas por desaproveitar unha grande oportunidade para avanzar na vertebración territorial.

Desafíos das Administracións

A conselleira puxo en valor as estradas, ao ser esenciais para o progreso económico e o benestar cidadán e salientou o desafío que representa a súa conservación en condicións axeitadas.

A ese respecto, indicou que a Xunta xestiona unha rede de 5.500 km de vías autonómicas á cuxa conservación e mellora destina preto de 50 millóns de euros cada ano, boa parte do orzamento do departamento de estradas.

Ethel Vázquez referiuse ao desafío que supón a conservación de estradas, pero advertiu de que Galicia non poderá aceptar un sistema de pago polo uso de autovías que se basee nos quilómetros percorridos, posto que isto acentuaría a posición xeográfica periférica de Galicia.

Finalmente, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade apostou polo diálogo co sector e coas Comunidades autónomas para afrontar de forma áxil e atinada desde o Goberno de España a grave crise de prezos e abastecemento de materiais que dificulta a execución de obras públicas neste momento de investimentos pola recuperación económica.