martes, 12 de abril de 2022

No primeiro trimestre de 2022 o 44,28 % dos fogares galegos chega con dificultade a fin de mes


Leo hoxe a Enquisa Conxuntural a Fogares (ECF) do primeiro trimestre de 2022, elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que ten como obxectivos principais: Construír o Indicador de Confianza do Consumidor (ICC) e o Indicador de Sentimento do Consumidor (ISC), que permiten obter un rápido coñecemento dos cambios na percepción do consumidor respecto as súas expectativas de gasto e aforro, así como da situación económica persoal e xeral da Comunidade Autónoma.

As percepcións dos fogares, independentemente dos indicadores macroeconómicos, son unha ferramenta moi útil para a análise económica a curto prazo. Proporcionar información sobre as medidas que toman, ou pensan tomar, os fogares galegos segundo sexa a súa propia situación económica: decisións sobre os gastos efectuados, aforro, número de horas a traballar, solucións financeiras,etc.

Este é o resumo de resultados divulgado polo IGE.

Indicadores de confianza

No primeiro trimestre de 2022, o indicador de confianza do consumidor (ICC1 ) reflicte un valor de -20 puntos, 6,27 puntos inferior que o referido ao trimestre anterior. Neste trimestre diminuiron os catro indicadores parciais de perspectivas de evolución: o indicador da situación financeira persoal rexistrou unha baixada de 4,61 puntos, seguido do indicador do desemprego, que dimimuíu 5,27 puntos, do indicador da situación económica en Galicia, que dimimuíu 5,78 puntos, e do indicador da capacidade futura de aforro, que dimimuíu 9,41 puntos.

O indicador de confianza do consumidor varía en función do intervalo de ingresos do fogar. Os fogares con menores ingresos medios mensuais son os que presentan valores máis baixos no ICC, mentres que a confianza aumenta ao incrementárense os ingresos do fogar. Así, o indicador no caso dos fogares con menos de 600€ ao mes sitúase no -40,30, namentres que entre os fogares que máis ingresan ao mes (por riba dos 3.000€) o indicador sitúase en 2,55.

Situación económica dos fogares nos últimos tres meses

No primeiro trimestre de 2022 o 49,00 % dos fogares galegos chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, o 44,28 % con dificultade e o 6,72 % restante con moita dificultade.

Con respecto ao trimestre anterior, prodúcese un aumento de 1,47 puntos na porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, un aumento de 0,52 puntos na dos que chegan con moita dificultade e unha diminución de 1,99 puntos na porcentaxe de fogares que chega con dificultade a fin de mes.

Con respecto ao primeiro trimestre do ano 2021, a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes aumenta 6,07 puntos porcentuais. A porcentaxe de fogares que chega con dificultade a fin de mes diminúe 2,78 puntos entre ambos períodos e a porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade decrece 3,29 puntos.

Medidas económicas tomadas polos fogares nos últimos tres meses

O 26,44 % dos fogares galegos non se permitiu ningún extra nos tres últimos meses. Considéranse como extra os gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa ou calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír a cear, ir ao cine, etc. Tamén se inclúe nesta categoría poder aforrar e traballar menos horas ou que algún membro do fogar se permitira deixar de traballar.

O 12,60 % dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra mercando marcas brancas, produtos en oferta, etc, no primeiro trimestre de 2022. Ademais, o 30,24 % dos fogares galegos diminuíu outros gastos comúns, como roupa e calzado, transporte, gas, electricidade, etc, agás alimentación. Esta foi a medida económica máis habitual empregada polos fogares para reducir os gastos, aumentar os ingresos ou afrontar pagos neste período.

Medidas económicas que esperan realizar os fogares nos próximos tres meses

O 40,18 % dos fogares galegos ten pensado aforrar algo de cartos nos próximos tres meses, o 34,16 % facer algún extra en produtos de alimentación, o 53,81 % saír a cear, a cafeterías, ir ao cine ou ao teatro e o 9,58 % facer fronte a imprevistos ou grandes compras.

Compra de vivenda e coche nos fogares

O 15,86 % dos fogares galegos está pagando a vivenda principal na que habitan, o 7,16 % o coche e o 2,28 % unha segunda vivenda. Con respecto ao mesmo trimestre de 2021, aumentou 1,05 puntos a porcentaxe de fogares que están a pagar a súa vivenda habitual.

Fontes de información IGE. Enquisa Coxuntural a Fogares elaborada polo IGE.