lunes, 11 de abril de 2022

Urxencias Sanitarias de Galicia-061, recoñecido como o servizo sanitario cos maiores índices de satisfacción entre os seus usuarios no conxunto do SERGAS

 

Estes días, por razóns de enfermidade dun familiar, tiven que acudir ao Hospital Universitario de Ourense e desde as xanelas do novo edificio de hospitalización puiden ver a operación de aterraxe dun helicóptero do 061 que traía a unha persoa. Unha ambulancia recolleu a persoa a pé do heliporto, no que me pareceu unha operación moi ben  cordinada por un eficiente servizo do SERGAS.

Logo por curiosidade, entrei na web do SERGAS e así coñezo que  a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 naceu en 1995 co obxectivo de que os profesionais de urxencias achegasen a asistencia sanitaria ata o lugar onde se atopase o paciente e de que fosen os propios pacientes quen contactasen directamente co servizo público de emerxencias, marcando un sinxelo número de télefono: 061.

Informan na web que “dende as primeiras oito ambulancias medicalizadas e as 75 ambulancias de soporte vital básico (SVB) para asistir en toda a Comunidade Autónoma galega fomos crecendo ata conformar unha Rede de transporte sanitario urxente formada por 16 ambulancias de soporte vital avanzado (SVA), 107 ambulancias de SVB e dúas ambulancias convencionais; ademais de dous helicópteros medicalizados.

Como non podía ser doutro xeito, a evolución deste servizo foi posible grazas a cada un dos profesionais que co seu traballo diario posibilitan que o 061 de Galicia continúe sendo o servizo que máis valoran os seus usuarios dentro do Servizo Galego de Saúde e que nos converteramos para a cidadanía, en moitas ocasións, na porta de entrada ao sistema sanitario público.

En Urxencias Sanitarias de Galicia-061 camiñamos cara á mellora continua a través dun firme compromiso coa transparencia na xestión do servizo, a calidade na asistencia e a innovación permanente dos recursos materais e dos recursos humanos a través da formación continuada e especializada. Tendo sempre presente a misión do servizo de ofrecer ao cidadán a solición inmediata máis axeitada ao seu problema de saúde”

Tamén na sala de prensa do SERGAS leo a nova do 26 de marzo de 2022 na que informan sobre a visita de altos responsables deste servizo as instalacións da base medicalizada aérea de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 en Barbadás para coñecer o hangar do helicóptero medicalizado.

Así coñezo pola citada nota de prensa que “o uso do hangar do helicóptero medicalizado con base en Barbadás permite optimizar a operatividade desta aeronave, posto que resgarda o helicóptero das inclemencias meteorolóxicas, é dicir, das xeadas no inverno, que impedían a  mobilidade do helicóptero, e da calor nos meses estivais que incrementaba a temperatura no interior.

Así mesmo, o resgardo do helicóptero medicalizado no hangar facilita todos os labores de mantemento necesarios para garantir a operatividade e a seguridade da aeronave. Tamén repercute na mellora da calidade asistencial na atención ás urxencias e ás emerxencias coa prestación dunha atención máis segura e confortable non só para os pacientes, senón tamén para o persoal sanitario.

A construción deste espazo destinado a protexer a aeronave medicalizada do 061  con base no concello ourensán de Barbadás estaba incluída nos pregos para a contratación do servizo de transporte sanitario urxente aéreo. Deste xeito, o custo das obras para a construción do hangar foron asumidos pola empresa adxudicataria do servizo, Eliance Helicopter Global Services, S.L, que se desenvolveron durante varios meses debido a dificultade que supuxeron as características do terreo.

1.058 mobilizacións en 2021

Durante o pasado ano 2021, o helicóptero medicalizado con base en Barbadás mobilizouse en 522 ocasións. Destas 522 mobilizacións, 56 foron servizos secundarios. Trátase de servizos nos que resulta necesario o traslado do paciente desde un centro hospitalario ata outro hospital para asegurar a atención axeitada segundo as patoloxías sofridas.

Respecto á resolución das emerxencias atendidas durante o ano 2021, no 57% das mobilizacións foi necesario o traslado de pacientes ao centro hospitalario de referencia; mentres que en preto do 16% das mobilizacións a prestación da asistencia sanitaria no punto non fixo necesario o traslado dos pacientes en helicóptero medicalizado; e no 26% das mobilizacións, os pacientes foron trasladados noutros recursos sanitarios, principalmente en ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado.

En relación coa tipoloxía das emerxencias atendidas pola aeronave sanitaria do 061 de Galicia en Barbadás, o 27% correspondeu a pacientes que sufriron alteración da conciencia, o 16% das asistencias foron por dor torácica, o 14% foron asistencias por accidentes de tráfico, o 8% foron pacientes con problemas respiratorios e o 3% tratouse de persoas con convulsións.

Por último, lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo de referencia para a  atención ás urxencias e ás emerxencias fóra do ámbito hospitalario, recoñecido como o servizo sanitario cos maiores índices de satisfacción entre os seus usuarios no conxunto do sistema público galego de saúde, que garante a resposta precisa ás necesidades de consulta e á asistencia sanitaria urxente en calquera punto de Galicia as 24 horas os 365 días do ano."

As miñas felicitacións ao SERGAS, e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por este exemplar servizo público do que os galegos podemos sentirnos moi orgullosos.