lunes, 9 de mayo de 2022

O Goberno galego e a CEO alertan que Alerta de que a Lei de mobilidade sostible pretende ser unha “escusa legal” para non facer obras como as autovías Ourense-Lugo ou Ourense-Ponferrada

 

A Xunta e os empresarios de Ourense fixeron pública hoxe unha fronte común para reclamar ao Goberno unha Lei de mobilidade sostible que teña en conta as comunicacións do rural e evite agrandar as desigualdades territoriais.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, María Sol Nóvoa Rodríguez, presentaron hoxe as alegacións realizadas ao anteproxecto da citada Lei que está a impulsar o Goberno de España.

Vázquez Mourelle explicou que esta lei xera unha especial inquedanza en Ourense, polo que pode supoñer para esta provincia, eminentemente rural, na que o 75% dos municipios contan con menos de 2.000 habitantes.

Referiu que a lei non recolle a mobilidade rural nin incorpora conceptos fundamentais no desenvolvemento de infraestruturas de comunicación como a igualdade de oportunidades, a vertebración territorial e a cohesión social.

Sinalou que o texto supedita a planificación de infraestruturas de transporte estatal á rendibilidade económica, o que suporá centrar os investimentos nas zonas máis poboadas ou nos corredores de maior demanda, afondando máis na brecha entre o urbano e o rural.

Criticou que a lei avogue por suprimir os servizos de tren no rural, pretendendo substituír o ferrocarril de media distancia por transporte por estrada que deben pagar as Comunidades. Así, tildou de desatino deixar ao rural sen tren e trasladarlle á Xunta a responsabilidade de compensar esa carencia co autobús, ao que o Goberno galego xa dedica cada ano 80 M€ para manter máis de 3.400 liñas.

Ademais indicou que o anteproxecto impide que as comunidades poidan beneficiarse do Fondo Estatal para o sostemento da mobilidade, que se reserva, unicamente para as entidades locais, deixando fóra o transporte metropolitano que prestan as autonomías.

Reivindicacións para Galicia

Dadas as circunstancias da lei estatal, a Xunta e a Confederación Empresarial de Ourense piden que se consideren as características diferenciais de Galicia como a dispersión territorial e o envellecemento da poboación, que fai precisa unha maior capilaridade das comunicacións e dos servizos de transporte.

Tamén se solicita a revisión dos principios para declarar Obrigas de Servizo Público nos servizos, xa que a lei prima os criterios económicos fronte á rendibilidade social.

Apélase tamén a respectar os principios de igualdade nos nomeamentos e designacións dos órganos, así como a unha mobilidade inclusiva para garantir o acceso ao transporte público a todos os cidadáns.

A conselleira reclamou participación e consenso á hora de abordar un posible sistema de pago por uso nas autovías como mecanismo para financiar o mantemento da rede de estradas. A este respecto, a Xunta e os empresarios coinciden na oposición frontal a calquera sistema de pago que se basee na distancia percorrida, xa que é lesivo para Galicia, acrecentando as desigualdades entre comunidades e o desequilibrio territorial.

Pola súa banda, a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense apuntou que é chamativo que a Lei non teña en conta a mobilidade rural, polo que destacou unhas alegacións para defender a viabilidade das infraestruturas en zonas onde rendibilidade é eminentemente social, para introducir criterios de rendibilidade social na planificación dos investimentos.

Avogou por favorecer a mobilidade e a accesibilidade do rural, logrando a recuperación, contribuíndo á cohesión económica, social e territorial e garantindo a transición ecolóxica e dixital para seren más sostibles e resilientes.

Fondos Next Generation

Por outra parte, a Xunta vén advertindo que os criterios do Goberno central no reparto dos fondos Next Generation de mobilidade, que teñen que ser investidos en núcleos de máis de 50.000 habitantes, implican deixar á marxe ao 97,8% dos municipios galegos.

Concretou que na provincia ourensá, só a cidade de Ourense supera os 100.000 habitantes e non hai ningún municipio que teñan unha poboación entre 20.000 e 100.000, polo que estes investimentos queden restrinxidos unicamente á capital da provincia.

Lamentou que esta circunstancia lastre o desenvolvemento de melloras viarias no interior e impida que conexións esenciais para a vertebración, como a mellora da OU-540 e que poidan ser financiadas a través dese financiamento europeo, como pide a Xunta.

A responsable de Infraestruturas en funcións recordou ademais as obras pendentes do Goberno central na provincia como a reforma ferroviaria da intermodal, que aínda non se adaptou á chegada do AVE; os treitos pendentes de contratación da Variante Exterior, a autovía a Ponferrada ou a Ourense-Lugo, a A-56.

A ese respecto, advertiu de que a nova Lei que impulsa o Goberno pretende ser unha “escusa legal” para non facer esas autovías estatais.

Pola contra, o Goberno galego vén traballando a prol desta provincia con actuacións como a mellora da estrada da Arnoia, cun orzamento de 810.000€; o acceso ao parque empresarial de Beariz, con case medio millón de euros; ou a mellora da OU-540, Celanova-fronteira portuguesa, que favorecerá a mobilidade de 13.000 veciños da Baixa Limia e á que se destinarán máis de 10 M€.

A conselleira manifestou, ademais, a preocupación polo novo mapa de concesións estatais de transporte por estrada de viaxeiros, que pretende eliminar a metade das paradas das liñas de autobús estatal, priorizando as conexións entre grandes cidades e capitais de provinciais e deixando sen servizos aos veciños das poboacións máis pequenas.