martes, 10 de mayo de 2022

Alfonso Rueda no debate de investidura: ”Cambia un dos camiñantes, pero o camiño continúa”

 

Asisto esta mañá  desde a tribuna do público do Parlamento de Galicia ao comezo da sesión de investidura na que  o candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, apostou por que Galicia siga sendo un referente de “normalidade excepcional” en España en termos de estabilidade institucional, económica e social. Para conseguilo, debullou as propostas e medidas do seu proxecto de goberno para os próximos anos, que se baseará no traballo, nas familias e no futuro.

Na súa intervención, Rueda defendeu que as políticas deben ser útiles e centrarse nas preocupacións reais e cotiás dos galegos e galegas. E nesta realidade diaria, a sanidade e as políticas de apoio ás familias son unha peza fundamental.

Por iso, e para seguir afondando nesta Galicia acolledora para todos, Rueda anunciou que, de ser elixido, Galicia se converterá na comunidade autónoma cun calendario vacinal infantil máis completo coa incorporación de tres novas vacinas, totalmente gratuítas para as familias: a da meninxite B, a do virus do papiloma humano para os nenos e a antigripal tetravalente.

Esta aposta por unha sanidade de calidade reflectirase tamén na aposta por mellorar o seu principal elemento vertebrador: a atención primaria. Así, Rueda adiantou que o seu futuro Goberno culminará a maior reforma de atención primaria da Galicia autonómica, impulsará a contratación de todos os especialistas en medicina de familia e a formación de todos os que permita o Goberno central.

MELLORAS FISCAIS, SOCIAIS E EDUCATIVAS


Apoiar ás familias é tamén axudar a aquelas máis afectadas pola suba de prezos e pola situación económica. Neste sentido, adiantou que en 2023 se reducirá o primeiro tramo do IRPF do 9,4 ao 9%, o que situará a Galicia como a segunda comunidade de España con menos impostos para as rendas baixas. Con esta rebaixa fiscal, estes fogares aforrarán máis dun de cada catro euros que pagaban en impostos no 2009.

Esta medida vén a complementar outra novidade que se incorporará en 2023: as familias galegas con dous fillos menores de 25 anos contarán cos mesmos beneficios fiscais a efectos de IRPF que as familias numerosas. Isto é, unha dedución de 250 euros no tramo autonómico, que se incrementará con outros 250 euros máis por cada fillo a partir do terceiro, este incluído, como mostra de compromiso familias numerosas.

No ámbito do emprego, fixo fincapé en apostar por un traballo de calidade e defendeu a consolidación dunha industria sustentable que impulse o crecemento das pemes e xere emprego no rural, como o caso da fábrica de fibras téxtiles sostibles de Altri; o mantemento de sectores de gran puxanza para Galicia, como o automóbil ou o téxtil; e o impulso dos sectores emerxentes. Tamén reservou unha mención especial á necesidade de fomentar o emprego digno entre a mocidade.

Xa no eido social, nesta Galicia que acompaña do berce ao bastón, Rueda apostou por manter ás persoas maiores no primeiro plano. Para facilitarlles esta participación, todas as oficinas da Xunta contarán cunha canle preferente e máis humana para os maiores de 65 anos. Ademais, a comunidade continuarase dotando de novas prazas públicas destinadas ao seu coidado e reduciranse á metade os trámites para acceder ás axudas á dependencia. Para os máis pequenos, recordou que a partir de setembro máis de 30.000 familias galegas se beneficiarán da educación infantil gratuíta para todos os nenos de ata 3 anos, vaian á escola que vaian.

A nivel educativo, apostou por que se redobre a aposta contra o acoso escolar, o que se fará a través dunha nova Estratexia galega de convivencia escolar. Tamén sinalou que se seguirá promovendo a Formación Profesional e a aprendizaxe de idiomas e de competencias STEM.

Por último, entre as novas medidas anunciadas dentro do marco do seu novo proxecto situou o lanzamento do Bono Xacobeo Xove, que busca desestacionalizar o turismo no Camiño de Santiago ao bonificar estadías para os mozos durante a primavera, o outono e o inverno. Ademais, sinalou que, de ser escollido presidente, creará unha área específica de termalismo dentro do organigrama da Xunta.

PAPEL DE GALICIA E BALANCE DOS ÚLTIMOS 13 ANOS

Durante a súa intervención, o candidato do PPdeG sinalou que traballará para que Galicia manteña e amplíe o prestixio que gañou nestes anos, ao tempo que reivindicará para os galegos aquilo que merecen. Entre outras demandas, salientou a dun novo modelo de financiamento autonómico e a de novas competencias para a comunidade autónoma. De feito, adiantou que, de ser elixido, trasladaralle ao Presidente do Goberno recordando os compromisos do Goberno central con Galicia que aínda quedan por cumprir.

Rueda considerou que Galicia está en condicións de representar un papel protagonista en España e, apuntou, niso tiveron moito que ver os últimos 13 anos de goberno estable que converteron á comunidade nun lugar mellor para vivir do que era en 2009. Entre outros fitos e logros desta máis dunha década, Rueda puxo en valor a economía saneada de Galicia, o progreso económico, a sociedade do benestar completa e un sistema sanitario que demostrou unha gran fortaleza tras o impacto da pandemia.

 20220510 Intervención ALF Investidura 2022 vDef.pdf (parlamentodegalicia.es)