lunes, 9 de mayo de 2022

 

O Día de Europa celébrase cada ano o 9 de maio e nel conmemórase o aniversario da Declaración Schuman de 1950, que marcou o inicio da construción europea. Con tal motivo a Xunta de Galicia emitiu unha declaración institucional que íntegramente suscribo:

"O propio Schuman -ministro de Exteriores francés naquela época- lembraba a importancia de construír a paz a base de accións concretas cun forte espírito solidario e de unidade.

Durante os últimos 70 anos o mundo cambiou drasticamente, inclinándose na actualidade cara a unha nova orde xeopolítica na que os desafíos son cada vez máis complexos. O máis decisivo é, sen dúbida, a ameaza á estabilidade da paz en Europa coa invasión rusa de Ucraína na que, unha vez máis, Europa volveu demostrar que a unidade é a nosa forza.

Xa o demostrou coa pandemia sanitaria provocada pola Covid-19, cando todos os Estados Membros se uniron para combater as súas debilidades e saír máis reforzados, adoptando medidas sanitarias e económicas sen precedentes para a recuperación. O instrumento Next Generation EU e a estratexia do Pacto Verde son dúas accións estratéxicas para esta recuperación, destinadas a contribuír a acelerar unha tripla transición (socioeconómica, dixital e ecolóxica). O obxectivo é claro, crear unha Europa máis verde, dixital, socialmente xusta e resiliente, que deixe atrás o enfoque sectorial da política ambiental e do clima, para converterse na matriz económica e social transformadora da UE no seu conxunto.

Galicia debe seguir impulsando un modelo de crecemento sustentable a través do desenvolvemento das enerxías renovables autóctonas, para situarse á cabeza da enerxía eólica e de biomasa, do fomento da mobilidade sustentable, da transformación da industria galega de automoción cara a unha cadea de valor dixital, verde e resiliente, así como da creación de centros loxísticos e do aumento da capacidade en investigación e innovación, entre outros.

O futuro da Unión Europea está en mans dos seus máis de 500 millóns de habitantes e a realidade demóstranos que os valores sobre os que se asenta a construción europea - democracia representativa, Estado de Dereito, defensa dos Dereitos Humanos e das liberdades públicas – non se deben dar por suposto.

Dende maio de 2021 a Unión Europea mantén un gran foro de consulta, a Conferencia sobre o Futuro de Europa, para dar voz a cidadanía e coñecer dende a raíz as súas preocupacións e ambicións. Neste eido, Galicia contribuíu activamente en temas que lle afectan especialmente, como os retos do envellecemento da poboación, a economía marítima ou a cooperación transfronteiriza. Para o deseño do proxecto europeo do futuro, a UE non se esqueceu da xente nova, declarando o 2022 “ano europeo da mocidade”, afianzando a premisa de que Europa só pode construírse sobre a base da solidariedade entre xeracións.

O futuro europeo embázase na actualidade coa incerteza provocada pola invasión rusa en Ucraína e as súas consecuencias, pero a xa iniciada axenda transformadora esixe manter de novo a unidade e unha resposta común da UE no seu conxunto."