martes, 3 de mayo de 2022

O presidente do Parlamento propón a Alfonso Rueda Valenzuela como candidato á Presidencia da Xunta de Galicia

 

Onte coñecemos que o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, proporá a Alfonso Rueda Valenzuela como candidato á Presidencia da Xunta logo da rolda de contactos, celebrada o luns, cos portavoces dos tres grupos parlamentarios representados na Cámara galega.

Coa celebración da rolda de contactos dase cumprimento ao establecido no artigo 136.1 do Regulamento da Cámara e ponse en marcha o procedemento para a investidura de Alfonso Rueda Valenzuela como presidente da Xunta de Galicia.

Santalices Vieira constatou que Rueda contará co respaldo do Grupo Parlamentario Popular –maioritario na Cámara, con 42 escanos-, polo que convocará a Mesa e Xunta de Portavoces para trasladar o resultado da rolda de consultas e convocar o debate de investidura que, previsiblemente, se celebrará os días 10 e 12 de maio.

Trala votación da investidura, será comunicada a elección do novo presidente da Xunta ao Rei, e terá lugar a publicación do nomeamento por Real Decreto no DOG e no BOE.

O sábado, 14 de maio, terá lugar a toma de posesión do presidente da Xunta (art. 19 Lei 1/1983).