Segundo expresou, a organización ten un camiño por diante que fará unido, con ideas, con ilusión e mirando cara adiante, pois non vai haber un PPdeG inmóbil ou á expectativa. Nese senso, recalcou que queda moito por conseguir e que só se acadarán os obxectivos se todos se poñen desde xa en marcha: “Galicia espera o mellor de nós e eu necesito o mellor de vós para alcanzar a quinta maioría. Imos facer este traxecto xuntos”.
Á ALTURA DO MOMENTO
O candidato tamén
subliñou que a fortaleza dos partidos mídese en momentos como o que están a
vivir os populares, poñendo en valor a unidade e a solvencia demostrada polo
PPdeG, unha evidencia para todos, incluso para a oposición.
Igualmente, recoñeceu que el nunca daría o paso de presentarse a presidir a organización se non sentise desde o primeiro momento o cariño dos seus compañeiros, aos que nunca lles pediría a súa confianza se non soubera que nesta nova etapa todos serán importantes. Sobre isto, explicou que é necesario que todos dean un paso adiante e que estean ao seu carón para que o partido siga triunfando, incidindo na importancia da unidade, da estabilidade e de ter claro que só se deben aos galegos: “As prioridades do PP e as de Galicia non van por camiños separados”.
UN PARTIDO EN POSITIVO
Como sinalou, o BNG e o PSdeG volven demostrar que non cambian logo de moitos anos xogando á contra, cun único proxecto que consiste en que o PP non acerte, tras ser incapaces de dicir non ás políticas de Pedro Sánchez que prexudican a Galicia, cun programa que non cambiou en décadas, rexeitando o camiño da xestión para poder facer política de consigna e limitándose a seguir ao Goberno central ou a secundar ao separatismo.
Ante a actitude da oposición, o candidato asegurou que os populares teñen que seguir pola súa senda. “Imos ser os do si”, salientou mentres apuntaba que o seu partido dirá si a continuar unha traxectoria nun goberno que funciona; a novas ideas, proxectos e persoas que veñen a mellorar o camiño percorrido ata o momento; a ensanchar a formación nunha nova etapa na que todos son necesarios; á solvencia para non replicar o espectáculo diario do Executivo central, á política eficaz que busca solucións e a servir aos intereses dos galegos por riba da calquera consideración.