Piden que comparezca Raquel Sánchez por el derrumbe
del viaducto de la A-6 (elprogreso.es)
A Xunta
solicita que o goberno de España constitúa un grupo de traballo para compartir
a información sobre a A-6 coa administración autonómica, o sector empresarial e
loxístico e os concellos afectados
Hoxe a Xunta pediulle ao Goberno de España a constitución dun grupo de traballo que permita compartir información sobre a A-6 coa Administración autonómica, o sector empresarial e da loxística e todos os concellos implicados.
Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou na Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade da Circulación Viaria.
A
conselleira insistiu en que cómpre que o Goberno central ofreza información
puntual, veraz e coa máxima transparencia á cidadanía sobre as causas do
desprendemento do viaduto do Castro da A-6 para non xerar inquedanza sobre un
asunto moi grave que afecta á seguridade viaria.
Manifestou a preocupación da Xunta polo acontecido, tanto no sentido de que se descoñece o que pasou como no relativo ás consecuencias, pois varias localidades teñen que soportar o tráfico derivado do peche, pola afección a sectores produtivos e ao tráfico de transporte por mercadorías, especialmente aos transportes especiais.
A conselleira formulou no encontro “as preguntas que a Xunta se tería feito a si mesma” de ter acontecido isto nunha estrada de titularidade autonómica, inquirindo ao Goberno central se o sistema empregado no viaduto do Castro, de dovelas prefabricadas con pretensado exterior, ten que ver co colapso da ponte.
Pediu que se comunique se hai máis pontes na A-6 con esa tipoloxía de dovelas e se ese sistema construtivo se empregou nalgunha outra autovía estatal en Galicia, como a A-52. A ese respecto, informou de que nas estradas autonómicas non hai ningún viaduto con esa tipoloxía de dovelas prefabricadas con pretensado exterior.
Ethel Vázquez tamén inqueriu ao Goberno central sobre os cortes previstos nas obras que se están a efectuar na AP-9 para a construción do Enlace Orbital, para saber se poden afectar ao tráfico de transportes especiais.Ademais, urxiu ao Goberno central á concreción de opcións para dar unha solución aos condutores áxil, eficaz e con todas as garantías de seguridade.
A este respecto, preguntou se a opción do Goberno pasa por un novo viaduto no Castro ou por actuar só no vano que colapsou. Tamén trasladou a cuestión de se a construción dun viaduto pasaría por executalo todo de novo ou se se construiría mantendo as pilas actuais.