Logo de agradecer á ministra que se desprazase para comprobar en primeira persoa o estado do viaduto, o presidente da Xunta aproveitou o encontro para explicarlle o impacto que o colapso deste tramo está a ter na economía galega. A este respecto, indicoulle que o corte supón que a metade norte de Galicia, as súas empresas e os seus portos se queden sen unha vía fundamental para o transporte de mercadorías. Sobre este punto, salientou “as enormes dificultades” que están a padecer as empresas para transportar os seus produtos e que fan “inviables” os seus negocios.
Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego insistiu tamén en que a sociedade galega merece contar con información fiable, completa e en tempo real sobre as causas e consecuencias desta catástrofe. Debe saber, dixo, “canto antes” os motivos do colapso, os prazos que contempla o Goberno central para a reconstrución e as alternativas que se lle darán ás empresas, que é o máis urxente. Deste xeito, pediu o mesmo nivel de dedicación para solucionar o acontecido no tramo entre Galicia e o Bierzo que se tivese ocorrido noutro punto de España.
Nese senso, cómpre lembrar a proposta formulada onte pola Xunta de conformar un grupo de traballo para analizar a situación e dispoñer dunha canle de comunicación fluída.