viernes, 24 de junio de 2022

Convocado o congreso local extraordinario dos populares de Ourense Cidade

 

Onte a Xunta Directiva do Partido Popular de Ourense, reunida en sesión telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, convocou para próximo 23 de xullo o congreso local extraordinario dos populares de Ourense Cidade, así como os conclaves de Pereiro de Aguiar e Ribadavia que se celebrarán os días 16 e 22, respectivamente. A reunión incluíu ademais o nomeamento das xestoras de sete agrupacións locais: Castro Caldelas; Celanova; Nogueira de Ramuín; O Irixo; Os Blancos; San Amaro; e Vilariño de Conso.

“Chegou o momento de dar un novo paso cara as municipais do próximo ano”, afirmou Manuel Baltar durante a súa intervención no máximo órgano de dirección entre congresos, subliñando así que as convocatorias do mes de xullo son “o resultado dun traballo que non sempre se ve, pero que nos permite manter ao día un coñecemento detallado das necesidades da provincia e de cada un dos seus concellos”.

“Imos cumprir co noso compromiso de ter definido neste verán o liderado do partido na cidade”, remarcou o presidente provincial, lembrando tamén que “tal e como dixemos, antes de que remate o ano estarán definidos os números uno dos 92 concellos da provincia”.

Un traballo de “campaña permanente”, advertiu Baltar, “que incorpora un plus de responsabilidade ante o evidente cambio de ciclo político que se aproxima e referendan resultados como os de Andalucía e o aumento de apoio ao Partido Popular”.

UNHA COMISIÓN ORGANIZADORA PARA OS TRES CONCLAVES.

As tres convocatorias extraordinarias terán a mesma comisión organizadora, composta por Jorge Pumar como presidente; Carmen Leyte na vicepresidencia; Susana Vázquez como secretaria; e Patricia Torres e Ignacio Campo como vogais.

16.4.2016
O congreso local do PP de Ourense Cidade celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel a partir das 10.30 horas. O calendario aprobado hoxe nesta convocatoria establece que do 27 de xuño ao 11 de xullo estará aberto o prazo para a presentación de candidaturas á presidencia do PP local, que deberán estar avaladas por un mínimo de dez sinaturas. Os afiliados que desexen participar no congreso terán o mesmo prazo para a súa inscrición. Unha vez proclamadas as precandidaturas, a campaña electoral interna desenvolverase entre os días 13 e 18 de xullo.

Lembro agora como 16 de abril de 2016 no auditorio do Conservatorio de Música de Ourense celebramos o Congreso local do Partido Popular de Ourense, no que participaron 300 compromisarios para elixir como presidente do comité executivo local, a Jesús Vázquez Abad. 

Daquela a mesa deste Congreso de natureza ordinaria, e con dúas ponencias, foi presidida por Manuel Cabezas, e no acto de clausura interveu Manuel Baltar e Alfonso Rueda. 

Así o facía constar no meu blog

Blog de Celso Delgado: Jesús Vazquez, elixido presidente do Partido Popular de Ourense Cidade