viernes, 8 de julio de 2022

Prado, pídelle ao Executivo estatal que “non deixe descarrilar a nosa competitividade e poña en funcionamento os trens Avril"

 

A secretaria do PPdeG, Paula Prado, anunciou hoxe que a formación presentará iniciativas en todos os concellos para demandar ao Goberno central que “Galicia non perda o tren da alta velocidade”, tendo en conta que isto non só afecta ás cidades, senón ao conxunto do territorio.

Durante a rolda de prensa ofrecida este venres, despois de que se coñecera que os trens Avril non chegarán en verán á Comunidade, Prado sinalou que “a alta velocidade xa chegou a Ourense pero ten que chegar a toda Galicia canto antes: a Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra e tamén a Lugo e a Ferrol, onde urxen as obras de modernización ferroviaria”.

“Galicia non pode perder o tren da alta velocidade e facelo por culpa dun Goberno sen rumbo que non cumpre as súas promesas. Esixímoslle a Sánchez que non deixe descarrilar a nosa competitividade, poña en funcionamento os trens Avril e sitúe o transporte ferroviario galego no século XXI”, abundou.

A secretaria xeral lamentou que “esta desconexión de Sánchez coa realidade” vaia supoñer un dobre prexuízo para Galicia: por unha banda, para a mobilidade dos galegos; e por outra, para o turismo que está a chegar este verán, en pleno Ano Xacobeo.

Así mesmo, criticou que o único que chegou en xullo foi un comunicado de Renfe no que o Goberno central recoñeceu por primeira vez que os trens Avril non estarían en verán, “unha nova falta de respecto institucional”, ao responder deste xeito á carta que lle enviou o presidente da Xunta.

“Os galegos e galegas merecemos unha explicación de todo o ocorrido. Díxose e repetiuse que os trens Avril estarían activos este verán e agora descubrimos o que xa se sabía: non se trataba dunha cuestión prioritaria para o Goberno central. Acaso o Ministerio descoñecía que a pandemia e a guerra de Ucraína podían afectar a este compromiso?”, sinalou Prado.

SOLICITUDE DE COMPARECENCIAS NO CONGRESO

Asemade os deputados galegos do Partido Popular acabamos de rexistrar no Congreso a solicitude de comparecencia da ministra de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, Raquél Sánchez e do Presidente de Renfe, Isaías Táboa co seguinte obxecto: “Informar sobre a responsabilidade do MITMA e de RENFE no incumprimento contractual reiterado por parte de Talgo dos prazos de entrega de trinta trens Avril de moi alta velocidade, causando un gran prexuízo na  prestación de servizos no ámbito AVE-Longa Distancia”