Hoxe, desde o Partido Popular de Galicia, difundimos esta nota de prensa:
"Os deputados galegos do Partido Popular no Congreso rexistraron este venres na Cámara Baixa a solicitude de comparecencia da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, para que dea explicacións sobre o incumprimento cos prazos de entrega dos trens Avril, que en Galicia estaba prevista para este mes de xullo.
Así mesmo, piden tamén que aclare o ocorrido o presidente de Renfe, Isaías Táboas. “O obxecto é informar sobre a responsabilidade do Ministerio e de Renfe no incumprimento contractual reiterado por parte de Talgo dos prazos de entrega destes trens de alta velocidade, causando un gran prexuízo na prestación de servizos”, expoñen os populares.
Celso Delgado, viceportavoz da Comisión de Transportes no Congreso, lembra que o Goberno central foi subministrando información aos deputados e á Xunta de Galicia con repetidas datas incumpridas: primeiro, xuño de 2020; despois, principios do ano 2021; máis adiante, simplemente 2021, coa escusa do estado de alarma; e a principios deste ano sinalaron que sería en verán.
O deputado galego sinala que Renfe Operadora é unha entidade pública empresarial baixo a dependencia da Administración Xeral do Estado e, polo tanto, o Executivo estatal é o “principal responsable” ante os cidadáns do incumprimento dos reiterados prazos de entrega dos trens por parte de Talgo.
“Esiximos ao Goberno central explicacións veraces do ocorrido, das accións que se van a exercitar para esixir responsabilidades e de cal é o prazo exacto no que os trens estarán a prestar servizo na nosa rede ferroviaria”, conclúe.