En materia sanitaria, lembrou que se referendaron as petición realizadas no marco do manifesto impulsado desde Galicia e o País Vasco, e que foi apoiado por outras cinco Comunidades —que representan entre todas o 67% da poboación española—: “O Obxectivo é que o Ministerio de Sanidade teña que asumir o que lle piden as Comunidades nun tema tan fundamental como este. Trátase de atender a saúde de todos os galegos e as galegas”.
Cómpre sinalar que a proposta recollía seis medidas —garantir que o sistema de elección de prazas MIR non deixe prazas desertas, a creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias con tramitación preferente, a reforma da formación especializada en Medicina de Familia, unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR para Primaria, un rexistro estatal de profesionais sanitarios e facilitar o desenvolvemento de competencias do médico de Atención Primaria— que foron apoiadas por sete gobernos autonómicos e agora tamén contan co apoio dunha decena de grupos parlamentarios.
RESPONDER ÁS NECESIDADES DE GALICIA
Como resaltou Marta González, outra das propostas de resolución aprobadas foi á relativa ao mapa de concesións estatal de autobús: “Entendemos que non está axeitado á realidade galega e non responde ás necesidades de territorios con problema de despoboamento como é o noso”.
Ante esta situación, apuntou que os populares buscan que se desbote esta proposta e se faga unha que si se adecúe ao que necesita Galicia, explicando que nunha Comunidade como a nosa, que non está axeitadamente estruturada dende o punto de vista ferroviario, é preciso o bo funcionamento do servizo de transporte por autobús.
Pola súa parte, Paula Prado afirmou que agarda que o presidente do Executivo central faga caso a estas propostas, lamentando que a semana pasada “asistimos ao Debate sobre o Estado da Nación de Sánchez, que non atende aos problemas reais da cidadanía”. “A Sanidade e o transporte son unha prioridade e seguiremos reivindicando que o Goberno central atenda a Galicia e non se esqueza dela”, sentenciou.