viernes, 26 de agosto de 2022

A economía galega medrou no segundo trimestre do ano 2022 un 4,4% en relación ao mesmo trimestre do ano anterior

 



Informa hoxe o Instituto Galego de Estatística (IGE) que a economía galega medrou no segundo trimestre do ano 2022 un 4,4% en relación ao mesmo trimestre do ano anterior.

Así cosnta nos datos de contabilidade trimestral referentes ao segundo trimestre deste exercicio. En canto á evolución intertrimestral, o PIB autonómico medrou un 1,1%.

Desde o punto de vista da demanda, neste segundo trimestre o gasto en consumo final dos fogares e ISFLSF medrou no último ano un 1,8% e as exportacións de bens e servizos aumentaron un 7,3%. No que respecta á oferta, en termos anuais, os servizos medraron un 6,5%, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (+19,7%); e a industria manufactureira un 4,7%.

Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no segundo trimestre un 2,5%, o que supón un incremento de 25.562 postos respecto do mesmo trimestre do ano anterior.

Por ramas de actividade, o emprego creceu un 3,1% no sector da construción; un 2,9% no sector servizos –cun incremento do 5,1% no comercio, transporte e hostalería-; e un 1,9% no sector da industria.




https://www.ige.gal/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/OperacionsConxunturais/ContabilidadeTrimestral.html