Rueda, quen enmarcou esta nova medida na aposta da Xunta pola mobilidade sostible, fixo referencia aos fondos anunciados en xuño polo Goberno central para que as autonomías apliquen unha bonificación de ata o 50% no transporte da súa competencia a partir do 1 de setembro. “A día de hoxe non temos ningunha concreción, ningunha consignación de fondos e, por iso, a Xunta asumirá desde o 1 de setembro esa bonificación do 50% a cargo de fondos propios. Non podiamos esperar máis”, explicou, nunha visita á estación de autobuses intermodal de Santiago.
Igualmente, o presidente da Xunta lamentou que os incentivos do Executivo estatal adoeceran de falta de reflexión, planificación e equilibrio territorial, ao xerar diferencias entre modos de transporte –con gratuidade para o tren e descontos moi inferiores para o autobús— e entre territorios –posto que os cidadáns sen acceso a liñas ferroviarias de media distancia non se poderán beneficiar da axuda—.
Ante esta situación, engadiu, a Xunta adiantará o diñeiro eaplicará a máxima bonificación (50%) no transporte público autonómico, estendendo con fondos propios da Xunta a bonificación ao transporte da ría de Vigo e ao tren de proximidade na área de Ferrol, dado que ambos están no Plan de Transporte Metropolitano. Así mesmo, os servizos urbanos de Pontevedra e Ferrol tamén se beneficiarán deste desconto, xa que o seu transporte opera con concesións autonómicas.
Aposta sen precedentes polo transporte público
Ademais de salientar que o desconto contribuirá á competitividade e ao emprego dun sector moi relevante na vertebración do territorio, Rueda subliñou a aposta sen precedentes da Xunta no eido do transporte público. “Para a Xunta a mobilidade é algo estratéxico”, afirmou, en referencia ao esforzo e aos investimentos destinados á construción de infraestruturas, á renovación integral das liñas de transporte interurbano e ás bonificacións xa implantadas.
Entre estas últimas, o titular do Goberno autonómico fixo fincapé na Tarxeta Xente Nova, coa que xa hai máis de 120.000 mozos galegos viaxando gratis por toda Galicia nos buses da Xunta. En total o Executivo autonómico financia máis do 76% do custo das 3.400 liñas de transporte interurbano que operan na actualidade en Galicia, ás que se destinan 80 millóns de euros ao ano.