jueves, 18 de agosto de 2022

As exportacións galegas rexistran un novo récord histórico no primeiro semestre do ano ao alcanzar os 14.406 M€, un 27,1% máis que o ano pasado

As exportacións galegas veñen de rexistrar un novo récord histórico, ao alcanzar os 14.406 millóns de euros de xaneiro a xuño, o que supón os mellores datos de vendas ao exterior para un primeiro semestre do ano e un 27,1% máis que no mesmo período de 2021, segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.  

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou que Galicia ten unha mellor evolución que o conxunto do Estado (que rexistra unha suba do 24,8%) e sinalou que as exportacións seguen a ser un importante elemento de dinamización da economía galega.

 

No balance do primeiro semestre do ano destacan os incrementos en industrias clave como o sector téxtil, cun +60,6% en vendas ao exterior que no primeiro semestre do ano pasado; as máquinas e aparellos mecánicos, cun +40,2%; a metalurxia, cun +30,4%; ou o peixe, crustáceos e moluscos, cun +29,2%.

 

No que respecta aos destinos xeográficos das vendas ao exterior das empresas galegas, destacan os incrementos rexistrados en Países Baixos, cunha suba do +143,1%; Reino Unido, cun incremento do +43,7%; Portugal, cun +39,8%; Alemaña, que rexistra unha suba do +31,7%; e Italia, cara a onde se exportou desde Galicia un +21,1% que no primeiro semestre do ano pasado. Fóra de Europa destaca a suba nas vendas a Estados Unidos, do +73,9%; ou a Oriente Medio, do 68,8%.

 

Cómpre salientar tamén que nos seis primeiros meses do ano a balanza comercial galega rexistra un saldo positivo de 1.521M€, a terceira mellor rexistrada por unha comunidade en termos absolutos. A nivel estatal o déficit é de -31.963 millóns.

 

En canto ás exportacións de xuño, a suba rexistrada foi do 50,1% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, case duplicando o crecemento rexistrado no conxunto de España, onde a suba foi do 26,6%. Galicia sitúase así como a terceira comunidade cun maior incremento nas súas vendas ao exterior no último mes do que hai datos dispoñibles.