miércoles, 3 de agosto de 2022

Galicia é a primeira comunidade na que o parlamento autoriza o teito de gasto non financeiro para o vindeiro ano que ascende a 12.599 millóns de euros

 

Galicia converteuse hoxe na primeira comunidade na que o Parlamento autoriza o teito de gasto para 2023, logo de que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, o presentase esta mañá na Cámara galega.

Durante a súa intervención, Miguel Corgos explicou que se trata dun teito de gasto responsable; elaborado a partir de previsións prudentes; con menos endebedamento e menos recursos extraordinarios; e con máis recursos propios e máis fondos europeos de recuperación.

Así, o teito de gasto non financeiro para o vindeiro exercicio ascende a 12.599 millóns de euros, un 8,2% por riba do orzamento do presente exercicio. Desta cantidade, 12.469 millóns de euros son ingresos non financeiros, 189 millóns proceden do obxectivo de déficit e 59 millóns de euros correspóndense con axustes negativos da contabilidade nacional. Ademais, deses 12.599 millóns de euros, 685 millóns correspóndense con recursos de carácter extraordinarios procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e os Fondos React-EU.

O conselleiro tamén subliñou que Galicia encadeará tres exercicios de crecemento para recuperar a riqueza prepandemia no primeiro trimestre de 2023, antes que a media de España, e que seguirá creando emprego ata situar a taxa de paro por debaixo do 10%.

Compromiso dos orzamentos de 2023

En canto ás contas de 2023, Miguel Corgos salientou que, con este paso o Goberno galego comeza a deseñar os orzamentos do vindeiro exercicio co compromiso de que sexan responsables, útiles e adaptados á actual conxuntura.

Neste sentido, explicou que os principais obxectivos para os orzamentos de 2023 serán as actuacións encamiñadas a apoiar ás familias, sectores e empresas máis vulnerables a unha inflación crecente; garantir os recursos precisos nos ámbitos sanitario, educativo e social para continuar prestando uns servizos públicos de calidade; impulsar a execución dos proxectos financiados cos fondos europeos Next Generation, de maneira especial os investimentos que aceleren a eficiencia e a transición enerxética; desenvolver con éxito o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 e afondar na modernización da Administración autonómica co desenvolvemento de sistemas e procedementos máis eficientes e sinxelos para acadar unha administración máis próxima e resolutiva.

Finalmente, o conselleiro subliñou que os orzamentos do vindeiro ano tamén consolidarán todas as rebaixas fiscais aprobadas nos últimos anos e confirmou que a Xunta aprobará a cuarta rebaixa do IRPF en nove anos, neste caso no primeiro tramo da tarifa autonómica, para axudar ás rendas máis modestas.

Pedro Puy avoga por un equilibrio entre  “non incrementar o gasto para conter a inflación e non conter o gasto para evitar a recesión”

Neste debate de aprobación do teito de gasto da Xunta para 2023 no Parlamento galego, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou por “un equilibrio entre non incrementar o gasto para conter a inflación e non conter o gasto para evitar recesión”. Así mesmo, amosou a disposición ao diálogo tanto na tramitación dos orzamentos como na aprobación do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030.

Pedro Puy iniciou a súa intervención felicitando ao Goberno galego polo traballo realizado “con rigor e análise” para a elaboración deste teito de gasto, “nun escenario macroeconómico chego de incertezas logo dunha crise financeira, á que seguiu o parón da Covid-19 e que afrontamos agora coa guerra de Ucraína, que trouxo unha nova crise humanitaria e política, pero que tamén ten unha parte importante económica”.

TRES FACTORES PARA O INCREMENTO

Neste sentido, Puy lamentou que “estamos nun contexto socioeconómico no que España é o único país dos case 40 que integran a OCDE que non vai acadar os niveis económicos de prepandemia en 2024”.

O portavoz popular explicou que “temos un teito de gasto a nivel da Administración Xeral do Estado que medra polo incremento da inflación, a creación de novos tributos e porque hai un maior nivel de endebedamento autorizado”. Diante desta situación, afirmou que o Goberno central “ten moito que facer, porque o investimento vai depender dos fondos europeos”, amosando a preocupación tanto pola exclusión de Stellantis e da industria do mar das axudas europeas.

Respecto do reparto do déficit entre as administracións, Pedro Puy criticou o reparto asimétrico realizado entre o Goberno do Estado, que se reserva o 3,9 por cento; fronte ás comunidades autónomas, á que deixa o 0,3 por cento. “En definitiva, un 82 por cento da débeda se reserva para o Estado, fronte a pouco máis do 7 por cento para as comunidades autónomas”, concretou.

Para rematar, salientou que “a Xunta está a ser prudente cun teito de gasto que implica un incremento de 958 millóns de euros respecto a 2022” e cualificou de “frustrante” a valoración realizada pola oposición, “que levan meses pedindo 700 millóns para un plan de choque ou 200 millóns para a atención primaria sanitaria, sen concretar de onde sacarán estes cartos, pero agora se  opoñen a unha suba do gasto en 958 millóns”.