martes, 2 de agosto de 2022

En xullo aumentan as afiliacións medias ao Sistema da Seguridade Social en Galicia (0,92%), e en Ourense (0,27 %). En España descenden nun 0,04 %.

 

Hoxe o Instituto Galego de Estatística publica un informe dando a coñecer que o número medio afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia no mes de xullo do ano 2022 acadou a cifra de 1.058.193 para o total do sistema, o que supón un aumento respecto ao pasado mes de xuño de 2022 de 9.670 afiliacións (0,92%).

Para o conxunto estatal a cifra de afiliacións sitúase en 20.340.964, rexistrando un descenso do 0,04% con respecto ao pasado mes de xuño.

Na comparativa interanual (xullo de 2022 con xullo de 2021) obsérvase un aumento de 21.921 afiliacións no total do sistema en Galicia (2,12%) e un aumento do 3,82% (749.236 afiliacións) no conxunto estatal.

Por comunidades autónomas e con respecto ao mes de xuño de 2022, rexístrase unha subida das afiliacións en oito comunidades autónomas, destacando Illes Balears (2,34%), mentres que en nove comunidades autónomas baixan as afiliacións, destacando La Rioja (-1,61%).

En canto ás taxas con respecto ao mesmo mes do ano anterior, rexístranse taxas positivas en todas as comunidades autónomas. Os aumentos máis acusados prodúcense en Illes Balears e Canarias con taxas superiores ao 5,00%. 

Datos de afiliacións por provincias

O número medio de afiliacións á Seguridade Social aumentou con respecto ao mesmo mes do ano pasado en todas as provincias galegas. A Coruña é a provincia que presenta a maior subida nas afiliacións cunha taxa de variación interanual do 2,75%, o que supón 12.150 afiliacións máis, seguida de Pontevedra (1,91%), Lugo (1,38%) e, por último, Ourense (1,03%).

No que respecta ás afiliacións medias deste mes de xullo con respecto ás do mes de xuño, rexistrouse en Galicia un incremento do 0,92%. Pontevedra presenta o maior incremento cunha taxa de variación intermensual do 1,35%, seguida de Lugo (1,25%), A Coruña (0,63%) e Ourense (0,27%).

Información segundo réxime de afiliación

As afiliacións ao réxime xeral, que representan o 78,43% das afiliacións galegas en xullo de 2022, aumentaron un 1,15% con respecto ao mes anterior. Na comparativa interanual obsérvase un aumento do 2,94%. En España estas taxas foron do 0,01% con respecto a xuño de 2022 e do 4,51% en relación ao mes de xullo de 2021. Por provincias, Lugo é a que presenta unha porcentaxe menor de afiliacións ao réxime xeral (73,02%).

Nas afiliacións ao réxime especial de autónomos, as catro provincias galegas amosan unha taxa de variación interanual negativa; Lugo (-1,77%), Ourense (-1,23%), A Coruña (-0,44%) e Pontevedra (-0,43%). A media da comunidade galega sitúase entón no -0,73%. 

Para este réxime e con respecto ao mes de xuño de 2022, sobe Pontevedra (0,05%) e baixan Ourense (-0,45%), Lugo (-0,32%) e A Coruña (-0,16%), resultando para o conxunto de Galicia unha taxa intermensual do -0,15%. As taxas nacionais para este réxime presentan unha subida interanual do 0,54% e unha baixada intermensual do 0,31%.

No que respecta ao réxime especial do mar, con respecto a xullo de 2021, caen Pontevedra (-1,77%), Lugo (-0,47%) e A Coruña (-0,44%). A taxa galega acada entón o -1,31%, inferior á de España (1,98%). Con respecto a xuño de 2022, Lugo, Pontevedra e A Coruña presentan un aumento do 3,39%, 2,99% e 2,26% respectivamente. A taxa galega amosa un incremento do 2,82% con respecto a xuño de 2022. A taxa nacional é do 3,07%