“O deputado galego e viceportavoz da Comisión de Transportes no Congreso, Celso Delgado, reitera a solicitude de comparecencia “urxente e necesaria” da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana polo atraso na chegada a Galicia dos trens Avril, despois de coñecer os feitos revelados por Talgo na súa carta enviada a Renfe.
Os populares galegos pediron o pasado 27 de xullo tanto a comparecencia de Raquel Sánchez como do presidente de Renfe, Isaías Táboas, tras o incumprimento dos prazos anunciados polo Goberno central. Agora, despois da misiva de Talgo, ven “aínda máis necesarias” esas aclaracións.
“Queremos que ambos dean explicacións veraces do ocorrido, das accións que se van a exercitar para esixir responsabilidades e de cal é o prazo exacto no que os trens Avril estarán a prestar servizos comerciais na nosa rede ferroviaria”, explica Delgado, que non ve de recibo “esta incerteza e falta de seriedade gobernamental”.
Da carta remitida por Talgo despréndese, segundo os populares galegos, que existiron compromisos firmes por parte do Ministerio que foron flagrantemente incumpridos. “Ocultouse información ao Congreso, aos Gobernos autonómicos e aos medios de comunicación. Creáronse expectativas aos usuarios do ferrocarril e aos sectores turístico e empresarial que non se cumpriron”, lamenta o deputado ourensán.
Delgado lembra que o Goberno central foi subministrando información aos deputados e á Xunta de Galicia con datas que foron “sistematicamente incumpridas”: primeiro, xuño de 2020; despois, principios do ano 2021; máis adiante, simplemente 2021, coa escusa do estado de alarma; e a principios deste ano sinalaron que sería en verán.
A última información proporcionada polo Executivo data a chegada dos trens Avril no primeiro cuadrimestre de 2023.
“O MINISTERIO PONSE DE PERFIL”
“Se nos atemos ao que di o presidente de Talgo na carta de que as incidencias na execución do contrato fóronse comunicando periodicamente a Renfe desde
principios de 2020, concluímos que estiveron ocultando información, ben de maneira dolosa ou neglixente”, engade o viceportavoz da Comisión de Transportes, quen lamenta que ”o actor principal”, o Ministerio, se poña de perfil “coma se nada tivese que ver coa polémica”.
“Galicia precisa urxentemente trens de ancho variable e de máis capacidade, pero Sánchez xa perdeu a oportunidade de achegalos neste dobre Ano Xacobeo. En realidade, xa non confiamos en ningún dos seus prazos”, conclúe o deputado galego.
Os beneficios da alta velocidade a Galicia só se cumpriron polo momento con Ourense. O resto das capitais galegas seguen agardando os tempos de viaxe comprometidos polo Goberno central, algo que se suma a que miles de persoas quedan sen prazas nos trens cada día dada a escaseza de oferta por carencia de material móbil con capacidade.”