sábado, 13 de agosto de 2022

Os fogares galegos aforraron preto de 192 millóns de euros en 2021 polas baixadas fiscais da Xunta nos impostos de sucesións e transmisións patrimoniais


A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) publicou onte o seu informe xeral de actividade correspondente ao ano 2021 , e a Xunta na web institucional inclúe esta nota na que di “ que os fogares galegos aforraron o ano pasado 191,97 millóns de euros grazas ás baixadas fiscais aprobadas pola administración autonómica no Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD) e no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD).

Estes preto de 192 millóns -56 máis que en 2020- son recursos que quedaron en mans das familias galegas co obxectivo de reactivar o consumo interno e a actividade económica, evitar o despoboamento nas zonas pouco poboadas, recuperar as terras agrarias e manter íntegro o patrimonio dos fogares en caso de perda dun familiar directo.

 

Atención aos contribuíntes


A Atriga atendeu o ano pasado a un total de 281.490 contribuíntes. Do total, 154.907 foron atendidos de maneira presencial nos 47 puntos de información que a Axencia ten distribuídos por toda Galicia, e aos 126.583 restantes prestóuselle asistencia pola vía telefónica.

 

Neste marco, desde o mes de maio de 2021 os servizos que se prestaban mediante o sistema de cita previa completáronse coa posibilidade de poder solicitar unha cita para obter de maneira telefónica información tributaria xeral ou para a asistencia na confección on line dos modelos. Con este sistema, o cidadán pode escoller o día e o tramo horario no que quere ser chamado, o que garante que a súa solicitude será atendida en tempo en forma. Este novo servizo, permitiu atender durante o ano  a máis de 4.900  persoas.

 

A partir dese mesmo mes, tamén se unificou a atención telefónica nun número único de Información ao contribuínte co fin de mellorar e facilitar o acceso dos cidadáns á información tributaria. Desde a súa creación e ata o 31 de decembro do ano pasado atendéronse un total de 68.939 chamadas.

 

Ademais, o ano pasado a Atriga universalizou a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito- todos os ingresos xestionados por este organismo, para evitar os desprazamentos ás oficinas bancarias. Dende a súa implantación ata o pasado 30 de xuño efectuáronse  257.294 operacións.

 

Autoliquidacións correctas e aprazamentos


O informe de actividade ratifica que a Atriga efectuou 481.146 comprobacións de autoliquidacións de impostos. Unha vez revisadas estas autoliquidacións, no caso de detectar que non é correcta, a Atriga practica unha liquidación para que o contribuínte tribute conforme á legalidade. O número de liquidacións practicadas a raíz dunha comprobación foi de 29.259.

 

O informe de actividade ratifica ademais, que no 2021 o 94% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega foron correctas e non precisaron modificacións, e só no 6% dos casos a Atriga modificou a autoliquidación presentada. Este indicador confirma que a inmensa maioría dos contribuíntes en Galicia pagan correctamente os seus impostos.

 

Do total de liquidacións practicadas pola Atriga, 16.066 foron no Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, 6.864 no Imposto de Sucesións e Doazóns, e 5.807 no ITP na transmisión de vehículos. Foron correctas o 95% das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, o 90% das do Imposto de Transmisións Patrimoniais, e o 95% das autoliquidacións de vehículos.

 

Ademais, o 97% dos galegos e das galegas aplicaron correctamente os beneficios fiscais e a Atriga deu a súa conformidade a sete de cada 10 das máis de 664.000 valoracións de bens realizadas o ano pasado. A Axencia Tributaria de Galicia tamén concedeu o ano pasado 2.730 aprazamentos de impostos por importe de 17,6 millóns de euros.”