Informa hoxe a Xunta que abrirá mañá o novo acceso á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense desde Dozón, tras un investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.
O remate das obras executada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade permitirá a circulación polo ramal de conexión construído entre a autovía autonómica e a vía de titularidade estatal N-525, en Dozón, e permitir así o movemento de incorporación en sentido Ourense.
As obras centráronse no enlace que comeza na contorna do punto quilométrico 275 da estrada nacional, ampliando o carril de vehículos lentos existente e cruzando a AG-53, a través do paso inferior do punto quilométrico 59+410 da autovía, para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa autovía da Xunta pola súa marxe dereita en sentido Ourense.
Nesta intervención incorporáronse algunhas das achegas formuladas no período de exposición pública para facilitar a accesibilidade a unha granxa próxima.
A nova vía entre a N-525 e a AG-53 ten dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelamente á autovía pola súa marxe dereita, manténdose a entrada na estrada nacional en dirección Ourense.
As obras incluíron, ademais, a habilitación dunha intersección para que os vehículos poidan transitar entre a nova vía e o camiño de servizo, manténdose o acceso directo e apto para vehículos pesados entre o camiño que dá acceso á granxa próxima e á estrada nacional.
A construción deste acceso á autovía responde a unha vella demanda do municipio de Dozón, que na actualidade só conta cun semienlace para acceder a esta vía de alta capacidade en dirección a Santiago.
O novo enlace evitará que os veciños deste concello pontevedrés e da súa contorna deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con sentido a Ourense.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a traballar no proxecto que completa todos os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía AG-53. O novo ramal, que se situaría no punto no que está o actual semienlace, permitirá que os vehículos con orixe Ourense poidan saír cara a Dozón.