“O PP lembra á ministra de Transportes que está pendente a súa comparecencia no Congreso pola demora dos trens Avril
• “Se realmente, como di agora a secretaria de Estado, a construción dos convois comezou tarde, por que non se informou diso nas respostas parlamentarias?”, cuestiona Celso Delgado.
O deputado galego e viceportavoz da Comisión de Transportes no Congreso, Celso Delgado, lembra que está pendente a comparecencia da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, polo atraso na chegada a Galicia dos trens Avril, despois de coñecer a “batalla” entre Renfe e Talgo e, a semana pasada, as revelacións da secretaria de Estado de Transportes, a galega Isabel Pardo de Vera.
Os populares galegos pediron hai xa dous meses tanto a comparecencia de Raquel Sánchez como do presidente de Renfe, Isaías Táboas, tras o incumprimento dos prazos anunciados polo Goberno central. Agora, despois de que Pardo de Vera confirmase que “a este 2022 non van chegar”, piden “seriedade” e urxen as explicacións.
“Se realmente como di agora a número dous de Transportes, a construción dos trens comezou tarde, por que non se informou diso nas respostas parlamentarias?”, cuestiona Delgado.
Cómpre recordar que o Goberno central foi subministrando información aos deputados e á Xunta de Galicia con datas que foron “sistematicamente incumpridas”: primeiro, xuño de 2020; despois, principios do ano 2021; máis adiante, simplemente 2021, coa escusa do estado de alarma; e a principios deste ano sinalaron que sería en verán.
“Ocultouse información ao Congreso, aos Gobernos autonómicos e aos medios de comunicación. Creáronse expectativas aos usuarios do ferrocarril e aos sectores turístico e empresarial que non se cumpriron”, lamenta o deputado ourensán.
Os beneficios da alta velocidade a Galicia en tempos de viaxe só se cumpriron polo momento con Ourense. O resto das capitais galegas seguen esperando os tempos de viaxe comprometidos polo Goberno central con Madrid e, ademais, miles de persoas quedan sen prazas nos trens dada a escaseza de oferta por carencia de material móbil con capacidade.
Por este motivo, Celso Delgado sinala que non é de recibo que agora a señora Pardo de Vera fale de "deficiencias do contrato" e de "tirarse dous anos en empezar a construción". “O Goberno central debe dar explicacións a todos os galegos e galegas, e deixar de desconectar Galicia”, conclúe."
Para comprender mellor esta información recomendo leer a entreda publicada sobre esta materia no meu blog o pasado venres. Achego a lígazón:
http://www.celsodelgado.gal/2022/09/hoy-la-secretaria-de-estadode.html