O grupo Popular no Congreso emendou a moción do Bloque en relación coa situación pola que atravesa a autovía A-6, dende o afundimento do viaduto en O Castro, en Pedrafita.
As propostas que defende o PP, inclúen, por unha banda, completar as inspeccións das pontes de tipoloxía similar á do viaduto de O Castro da A-6, para asegurar o correcto estado das infraestruturas, así como a detección precoz de posibles deficiencias e que poidan corrixirse sen poñer en perigo a seguridade dos usuarios. Ademais, en base ao que estableza a lexislación vixente, quere que se faga pública toda a información relevante da que se dispoña sobre a construción inicial do tramo colapsado, do proceso de detección dos danos e da licitación e adxudicación das obras de reparación e/o reconstrución do mesmo. Igualmente, pretenden que se completen as accións precisas para investigar e reclamar as responsabilidades pertinentes, no caso de detectarse algún tipo de irregularidade na execución da construción ou no proxecto construtivo ou nas obras de emerxencia que licitou o actual goberno e que se estaban executando. E, por último, consideran necesario asegurar alternativas viarias adecuadas, en coordinación coas Administracións Públicas implicadas, que garantan unha comunicación áxil e segura mentres a A-6 permaneza pechada ao tráfico e axilizar a reparación
García Díez aproveitou a súa intervención para expoñer a situación na que se atopan as infraestruturas na provincia de Lugo, tanto estradas como ferroviarias. Destacou que hoxe non hai comunicación ferroviaria adecuada coa liña de alta velocidade, nin se aborda a mellora mínima, con variantes que permitan acurtar o tempo de traslado entre Lugo e Ourense. Destacou que as obras da autovía A-54, entre Lugo e Santiago, non cumprirán os compromisos adquiridos polo Goberno en canto aos prazos de posta en funcionamento; indicou “as xa inexistentes previsións para a A-56, entre Ourense e Lugo” ou da autoestrada entre Ourense e Ponferrada, e tamén que pola Mariña nada se fai, salvo facer perigar a continuidade das industrias alí existentes.
En canto a A-6, manifestou que esta é a principal vía de acceso e saída de Galicia cara á meseta, cunha media de 10.000 vehículos diarios, a maioría deles camións, vehículos pesados e transportes especiais. Manifestou que “a solución que se nos ofreceu ata o de agora é esperar ano e medio a que se constrúa un novo viaduto e, mentres tanto, parches, como as vías alternativas que obrigan a trasladar todo o tráfico, incluso o pesado e os especiais, a través da localidade de Pedrafita”. Lembrou que a Xunta de Galicia “solicitou a creación dun grupo de traballo, dunha mesa de seguimento sobre a solución provisional e o compromiso de reconstrución, compromiso que o señor Sánchez adquiriu co presidente Rueda o pasado mes de xullo, pero no se fixo nada de nada”.
García Díez indicou que “Galicia seguiu traballando e enviou solucións ao ministerio; construción de variantes que evitarían o paso por Pedrafita nos dous sentidos; non se aceptaron”. Manifestou que hai que dar prioridade a este problema, porque ademais dos prexuízos económicos xa coñecidos, hai risco de deslocalización de empresas como as eólicas que constrúen pas e atravesan esa localidade.
Con respecto á moción nacionalista, sinalou que mira máis ao pasado que ao futuro, que está máis empeñada en investigar, en atopar responsabilidades en gobernos de hai máis de 20 anos que en mirar a dar solucións. “Parécenos -dixo- moi ben que se investiguen todas as irregularidades que se puidesen cometer, pero tamén as das obras que se estaban executando nestes momentos por máis de 26 millóns de euros. Imos investigar todas as posibles irregularidades: transparencia ao máximo”.