Na xuntanza, encabezada pola deputada nacional Marta González, e na que participei telemáticamente incidiuse na necesidade de que o Goberno retire o proxecto de lei de protección, dereitos e benestar dos animais —aprobado en agosto polo Consello de Ministros por trámite urxente— e se elabore un novo documento que si inclúa as achegas de expertos, entidades e asociacións implicadas, así como das Comunidades Autónomas e dos concellos.
Os populares critican que o Executivo de Sánchez antepoña os seus intereses aos dos sectores afectados, pasando por riba das necesidades reais da sociedade e sen respectar tampouco as competencias de cada administración. “O Goberno volve demostrar que a súa vontade de diálogo é nula, impoñendo a súa ideoloxía malia que iso signifique un ataque directo e inxustificado a unha actividade fundamental para o noso rural e para o medio ambiente”, manifestou Marta González.
“O Executivo de Sánchez esquece que a función dos gobernos é solucionar os problemas dos cidadáns e non crearllos”, afirmou a deputada mentres alertaba de que o proxecto de lei do Goberno restrinxe as liberdades dunha actividade regulada como é a caza, abocándoa á súa desaparición.
“Queremos transmitir ao sector da caza que contará co Partido Popular de Galicia para defender os seus dereitos fronte a un Goberno central autoritario que, lonxe de escoitar as súas demandas, insiste en prexudicalo”, resaltou. “Mentres o Estado desatende as peticións dos cazadores, nós loitaremos para que non cumpra o seu obxectivo, que é estigmatizalos”, engadiu.
Nesta liña, os populares salientaron que continuarán traballando dende as diferentes cámaras de representación en favor dos intereses xerais dos galegos pois, nun complicado contexto político, económico e social como o que vive España, “é imprescindible loitar por salvagardar o futuro dos nosos sectores esenciais dos abusos e da irresponsabilidade do Executivo central”.