miércoles, 14 de septiembre de 2022

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030

 

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra de BNG e PSdeG, o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, no que finalmente se incorporaron ao documento un total de 23 resolucións dos grupos parlamentarios: tres do Grupo Popular, 6 do Grupo Socialista e outras 14 que foron transaccionadas entre os grupos popular e socialista.

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou que estamos ante unha boa nova para o país porque falamos dun instrumento que aporta transparencia, incrementa a cultura de obxectivos a longo prazo da administración e esta coordinado coas políticas e programas europeas.

PREDISPOSICIÓN AO DIÁLOGO

Neste sentido, Puy  dixo que fixemos todo o que puidemos por incorporar máis propostas dos grupos da oposición, pero non sumamos máis porque eran ideolóxicas ou estaban fóra de contexto”, engadiu.

Reiterou “a predisposición ao diálogo do Grupo Popular”, pero lamentou que os grupos da oposición “decidiran antepoñer a súa ideoloxía e a defensa do Goberno central por enriba dos intereses xerais de Galicia”. “A conclusión é que non hai un Plan Estratéxico alternativo e enfronte do PPdeG non hai un plan de país minimamente viable”, dixo.

Pedro Puy explicou que existiron varios motivos para rexeitar as propostas de resolución dos grupos da oposición, como que o contido das mesmas xa estaba expresamente recollido no Plan Estratéxico; que non se axustaban á lóxica do Plan Estratéxico, por ser demasiado específicas ou afastadas dos obxectivos perseguidos; ou porque quedaban fóra do ámbito competencial do Plan Estratéxico, polo que non procede a súa incorporación á planificación da Xunta.

Porén, considerou o debate do Plan Estratéxico como “útil, porque sitúa a cada un onde está e como se comporta de cara ao futuro, e porque existen propostas da oposición que non foron incorporadas pero que serán tidas en conta polo Goberno galego no futuro”.

O Plan Estratéxico 2022-2030

Lembro que o 10 de marzo de 2022 o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a aprobación do Plan Estratéxico 2022-2030 para deseñar a Galicia do futuro e acadar unha recuperación sostible, competitiva e inclusiva.

No tocante ás principais prioridades, Feijóo incidía en que este Plan prevé un crecemento medio sostido ata 2030 de entre o 2 e o 2,5% anual e que nesta década se reduza 4 puntos a taxa de paro e que cara ao ano 2030 baixe ata o entorno do 8%.

A maiores, Feijóo salientaba entre os obxectivos que marca esta estratexia a promoción dunha sociedade innovadora, competitiva, solidaria e cohesionada así como favorecer os valores diferenciais de Galicia como motores de desenvolvemento. E, ademais, pretende “garantir unha senda previsible, rigorosa e estable de actuación do Goberno para desengancharnos da débeda pública no orzamento do ano 2025 e volver ao déficit cero”, dicía.

Nesa liña, este Plan Estratéxico conta con cinco eixes transversais que marcarán a Galicia de 2030: o reto demográfico e o benestar; a Galicia verde e sostible; a competitividade e o crecemento; a cohesión social e territorial, e a gobernanza.

Durante a presentación do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, subliñaba que este Plan prevé que Galicia reducirá a ratio débeda/PIB en cinco puntos nesta década, ata o entorno do 13%.

Durante a súa intervención, o titular de Facenda e Administración Pública sinalaba que as metas a acadar en 2030 son a converxencia plena con España en termos de renda bruta dispoñible per cápita dos fogares, rebaixar en 4 puntos a taxa de paro, reforzar a saúde e a calidade de vida, consolidar o sistema educativo entre os mellores de España, avanzar cara á neutralidade climática, aumentar o peso das enerxías renovables, potenciar o peso do sector industrial e mellorar a competitividade, favorecer unha Galicia dixital e innovadora, continuar reducindo a taxa de exclusión social, e garantir unha Galicia sen fendas de xénero.