martes, 13 de septiembre de 2022

Rueda: “O PPdeG está acostumado a encabezar situacións difíciles e moita xente mira cara á formación “cando as circunstancias se poñen especialmente complicadas”

Onte o presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, subliñou que, coas circunstancias económicas actuais, a xente demanda responsables políticos “que saiban afrontar as situacións, analizalas, propoñer solucións e aplicalas”. “Queremos seguir sendo o goberno estable, unido, próximo e solvente que os galegos recoñecen”, dixo.

Por este motivo, pediu aos membros do PPdeG estar “activados” e preparados para asumir un novo ciclo que vai ser “determinante” e no que a cidadanía vai mirar cara aos que teñen responsabilidades. Neste sentido, pediu estar “á altura das circunstancias”.

 

“O Partido Popular está acostumado a gobernar en situacións difíciles e moita xente mira cara ao Partido Popular nós cando as circunstancias se poñen especialmente complicadas”, destacou, antes da celebración do Comité de Dirección na sede do PPdeG, en Santiago de Compostela.

 

Así mesmo, sinalou que o Goberno galego actual tamén quere ser “o das familias”, e puxo como exemplos a educación infantil gratuíta para todos os nenos e en todos os centros, unha iniciativa única en España que permite aforrar entre 1.500 e 2.000 euros por neno cada ano; o calendario de vacinación infantil máis completo, e 100% gratuíto para as familias; e unha serie de rebaixas de impostos que permitiron aforrar máis de 1.200 millóns de euros desde 2009 e que se seguirá ampliando, pois a partir do ano que vén, as familias de dous fillos contarán cos mesmos beneficios fiscais que as familias numerosas, e estas contarán con máis deducións, en función do número de fillos que teñan. “Medidas reais con impacto directo”, sinalou.

 

PARTICIPACIÓN NA INTERPARLAMENTARIA


Precisamente, Rueda adiantou que, con ese espírito de ser goberno “estable, útil e no que a xente confía”, os populares galegos van acudir a vindeira fin de semana á Interparlamentaria Popular que se celebra en Toledo: “Intentaremos achegar toda esa experiencia e solvencia de Galicia, intercambiar pareceres e escoitar tamén ás outras comunidades autónomas”.

 

Así, agarda que a marca de Galicia sirva para “enriquecer” e para contribuír ao proxecto que o Partido Popular desenvolve a nivel nacional.

 

Isto confronta, criticou, “coa política coa que están empeñados no Goberno central”. “O Goberno dos insultos, o Goberno que en vez de vir a Galicia a traer boas noticias e responder as inquedanzas que temos e que dependen deles, optan por insultos e non admiten preguntas”, incidiu.

 

Nesta liña, o presidente do PPdeG abundou en que “os que veñen desde o Goberno central a traer insultos, a non traer ningunha proposta, a descalificar e a faltar ao respecto, aquí en Galicia teñen pouca cabida”.

 

“O goberno do PP cumpre coa solvencia e parece que os que acaban de chegar, e só pensan en resultados electorais, non se dan conta que a xente avalía e vota iso nas eleccións. En Galicia, durante catro eleccións consecutivas, recoñeceron todo iso, e agora imos traballar para que isto ocorra unha quinta vez”, rematou.