miércoles, 5 de octubre de 2022

Comeza hoxe o xuizo sobre o accidente del tren Alvia ocurrido o 24 de xullo de 2013

 

Comeza hoxe en Santiago de Compostela, no Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura, nunha sede provisional do Xulgado do Penal nº 2, o xuizo sobre o accidente del tren Alvia ocurrido o 24 de xullo de 2013.

Hai 446 persoas prexudicadas que reclaman, as cales están agrupadas en 154 acusacións, asistidas por 110 letrados/as e representadas por 47 procuradores/as.

Ademais, hai 53 prexudicados/as que non están representados/as por avogado/a e procurador/a, polo que a acusación a exercerá o Ministerio Fiscal.

ACUSADOS

Hai dous acusados: o maquinista do tren e o director de seguridade na circulación de ADIF no momento de posta en funcionamento da liña. Impútanselles oitenta delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, 145 de lesións por imprudencia grave profesional e un delito de danos. A Fiscalía solicita para cada un deles catro anos de prisión. 

Ademais, demanda que o maquinista sexa inhabilitado para a súa profesión durante o tempo da condena e que o outro acusado sexa inhabilitado, durante o mesmo período, para o exercicio de calquera profesión que implique xestión, seguridade ou responsabilidade en infraestruturas ferroviarias.

DANOS E PERDAS

A reclamación total por danos e perdas en materia de responsabilidade civil ascende a 57.686.635,93 euros. As persoas e entidades contra as que se dirixe a acción civil dentro do proceso penal son: QBE (aseguradora de Renfe); Allianz Global Corporate & Speciality (aseguradora de ADIF); Renfe Operadora; ADIF; o maquinista do tren e o director de seguridade na circulación de ADIF no momento dos feitos.

PROBA

O xuízo comezará o 5 de outubro de 2022 ás 9:30 horas coa práctica da acción penal, a cal está previsto que finalice o 10 de febreiro de 2023. O inicio da práctica da acción civil está sinalado para o 14 de febreiro de 2023.

VISTA ORAL

A partir dese día —14 de febreiro— resérvanse os martes, mércores e xoves para a proba documental, as conclusións e os informes. Todas as sesións comezarán ás 9:30.

O xulgado admitiu as declaracións de 522 testemuñas, 21 testemuñas  e 126 peritos/as (sen prexuízo de que as partes desistan dalgunha testemuñal antes ou durante o xuízo). Declararán unha media de 15 testemuñas ao día e de tres testemuñas-peritas por sesión. 

Sinalouse, na maioría dos casos, unha intervención por día de cada un dos peritos que testificarán na acción penal debido á amplitude e complexidade dos seus informes. Na acción civil declararán entre cinco e dez por sesión.

MAXISTRADOS/A

Da instrución da causa ocupáronse os maxistrados Luís Aláez Legerén, quen a iniciou e continuou con ela ata xuño do 2014, e Andrés Lago Louro, quen a asumiu desde xullo de 2014 ata a súa finalización, en decembro do 2021. A maxistrada María Elena Fernández Currás, titular do Xulgado do Penal nº 2 de Santiago de Compostela, é a responsable da preparación e celebración do xuízo oral, así como de ditar sentenza.

Agardo que este xuizo permita con plenas garantías para as partes, facer dun modo independiente e impacial xustiza sobre uns tráxicos feitos ocurridos hai máis de nove anos.