jueves, 27 de octubre de 2022

EPA: No terceiro trimestre de 2022 en Galicia había 134.800 persoas en paro, 4.600 menos que no trimestre anterior.

Difunde hoxe o IGE un informe sobre Enquisa de poboación activa (EPA) do terceiro trimestre de 2022, que  é unha investigación por mostraxe, continua e dirixida aos fogares que o Instituto Nacional de Estadística (INE) realiza dende 1964. 

Estos son os principais datos:

Poboación activa

No terceiro trimestre de 2022 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.343.000 persoas, das cales 1.248.600 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53,3%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas aumenta en 3.900 persoas e a taxa de actividade crece 0,1 puntos respecto ao segundo trimestre de 2022. 


Con respecto ao mesmo trimestre de 2021, o número de persoas activas aumenta en 9.400 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,4 puntos.


Por sexo, a taxa de actividade masculina sitúase no mesmo valor que hai 3 meses, no 57,3%. A taxa de actividade feminina, pola súa banda, aumenta 0,3 puntos porcentuais, e sitúase no 49,6%.


Poboación ocupada


A ocupación aumenta en 8.600 persoas no terceiro trimestre de 2022 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.113.800 persoas ocupadas. A taxa de ocupación aumenta con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 47,5%.


Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 1.300 persoas, o que supón un incremento do 0,1% en termos relativos


Por sexo, neste trimestre aumentou tanto a ocupación masculina como a feminina: o número de ocupados varóns incrementouse en 4.300 persoas respecto ao segundo trimestre do ano 2022; a ocupación das mulleres rexistrou un aumento similar, de 4.200 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nun incremento da taxa de ocupación masculina de 0,4 puntos; a taxa de ocupación feminina aumentou 0,2 puntos con respecto ao trimestre pasado.


Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2021, o número de homes ocupados diminuíu en 8.000 persoas (un -1,4%), mentres que o de mulleres ocupadas aumentou nun 1,8%.


Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre aumenta nos catro sectores. Agricultura e pesca é o sector que rexistra o maior incremento, cifrado en 4.500 traballadores e traballadoras máis que hai 3 meses. A continuación, os servizos, onde a ocupación increméntase en 1.600 persoas; na construción, a subida cífrase en 1.300 persoas e na industria, a ocupación aumenta en 1.200 persoas no terceiro trimestre do ano respecto ao anterior.


Con respecto ao mesmo trimestre de 2021, a ocupación diminúe no sector primario (un -2,8%), diminúe na industria (-1,3%), pero aumenta na construción (5,9%) e nos servizos (0,2%). 


Poboación asalariada


En Galicia había 911.600 persoas asalariadas no terceiro trimestre de 2022, 745.100 con contrato indefinido e os 166.600 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 26.600 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido, o que supón un incremento de 3,7 puntos en termos relativos. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe, pola contra, en 14.400 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 8% con respecto ao segundo trimestre de 2022). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 11,6%, e as persoas con contrato temporal diminuíron un 29,1%.


A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 18,3%.


Poboación parada


No terceiro trimestre de 2022 en Galicia había 134.800 persoas en paro, 4.600 menos que no trimestre anterior. A taxa de paro diminúe 0,4 puntos e sitúase no 10,8%.


Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2021, o número de parados e paradas aumenta en 8.100 persoas (un 6,4%) e a taxa de paro, a súa vez, increméntase 0,6 puntos en termos interanuais.


Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, diminúe o paro masculino e o feminino mantense nos mesmos niveis que o trimestre pasado: o número total de homes parados sitúase en 63.200 persoas (4.500 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 71.700 persoas (as mesmas que hai 3 meses). A taxa de paro masculina diminúe 0,7 puntos porcentuais e a feminina, 0,1 puntos porcentuais, situándose a primeira no 9,8% e a segunda no 11,8%.


No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino aumenta en 1.800 persoas (un 2,9% máis) e o volume de paradas increméntase en 6.400 persoas (un 9,8% máis que hai un ano).


Fogares


No terceiro trimestre de 2022, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 1.700 unidades e sitúase en 50.800 fogares. Respecto ao terceiro trimestre de 2021, esta tipoloxía de fogares aumenta, pola contra, un 10,2%.


Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 3.600 unidades. O número de fogares nesta situación é de 640.200. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 2.400 fogares menos nesta situación, o que supón unha diminución do 0,4% en termos relativos.


Poboación xuvenil


Dos 323.000 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 121.000 (o 37,5%) están ocupados/as, 35.700 (o 11,1%) parados/as e os 166.200 (o 51,5%) restantes son inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 37,5% no terceiro trimestre de 2022. Con respecto ao trimestre anterior aumenta 1,4 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2021 diminúe 0,4 puntos.


A taxa de paro xuvenil sitúase no 22,8% neste trimestre; diminúe 0,9 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co terceiro trimestre de 2021, aumenta 1 punto.


No terceiro trimestre de 2022, o 76,6% dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao segundo trimestre de 2022, esta cifra aumenta un 6,3%; a cifra de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial diminúe neste trimestre, en 400 persoas. Con respecto ao terceiro trimestre de 2021, aumenta a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 200 persoas), pero diminúe a ocupación a xornada parcial (en 1.100 persoas).


Dos 110.300 asalariados e asalariadas existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 50,7% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. O número de mozos e mozas con contrato indefinido aumenta un 6,9% respecto ao trimestre anterior; aumenta tamén, neste caso un 42,6%, respecto ao mesmo trimestre de 2021. O número de mozos e mozas asalariadas con contrato temporal aumenta tamén respecto ao trimestre pasado, un 0,7% neste caso, pero diminué un 24,4% respecto ao terceiro trimestre de 2021.


A taxa de temporalidade para o colectivo dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 49,3%.


Grandes concellos


Se comparamos os datos dos sete grandes concellos galegos (aqueles que superan os 50.000 habitantes), observamos que Lugo e Santiago de Compostela son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (53,4% e 51,5% respectivamente) no terceiro trimestre de 2022. Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (42,3%). No referido ás taxas de paro, este trimestre Lugo é o concello de entre os sete grandes con menor valor (7,9%) e Ferrol o que presenta a taxa de paro máis elevada (14,5%).