O pasado do venres o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que compareceu na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para presentar as contas do departamento para 2023, que ascenden a 283,8 M€, 13 M€ máis que o presente exercicio.
Nela explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nos Orzamentos do próximo ano aumenta nun 86% a partida dirixida a continuar coas bonificacións que se veñen aplicando nas autoestradas autonómicas -por recorrencia, a familias numerosas e en horario nocturno- e a conxelar o prezo das peaxes, contribuíndo, deste modo, a moderar os efectos da inflación no peto das familias, evitando unha suba do 7,3% nas peaxes derivada do IPC o vindeiro 1 de xaneiro.
Francisco Menéndez lembrou que xa en 2022 a Xunta decidiu limitar
a suba derivada do IPC ao 2,5%, fronte ao 5% que lle correspondería, asumindo a
Xunta a metade dese incremento.
Deste xeito, incidiu, as autoestradas autonómicas seguirán a ter as tarifas
máis baixas da comunidade e continuarán estando entre as máis baratas de España
algo que, dixo, é previsible que suceda coas autoestradas estatais AP-9 ou coa
AP-53, ao non prever o Goberno de España unha medida similar á que aplicará a
Xunta nas autoestradas da súa titularidade.
Lembrou que, a día de hoxe, e aínda coas bonificacións
implantadas, a autoestrada estatal AP-9 segue a ter un custo medio por
quilómetro para os usuarios de 6,12 céntimos, mentres que nas autoestradas
autonómicas ese custo medio é de 5,67 céntimos.
Ademais, no caso da outra autoestrada estatal, AP-53, ten o custo
máis alto de Galicia, con 7,77 céntimos por quilómetro, e tamén se sitúa no
máis alto do conxunto de España.