O titular do Executivo autonómico reivindicou que Galicia, lonxe de confrontar con aqueles que xeran riqueza e emprego, incorpora ao seu modelo a estabilidade, a planificación e a xestión como aliados contrastados do crecemento.
A respecto do sector do viño, Rueda afirmou que a estabilidade é a que permite á Comunidade aprobar en tempo e forma uns Orzamentos que inclúen máis de 8,5 M€ para apoiar ao sector vitivinícola; que a planificación marca a Estratexia de dinamización económica, territorial e turísticas das comarcas vitivinícolas, e que a xestión é a que está permitindo mobilizar as terras en desusos ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria, ou a que permite deseñar a futura Lei de Calidade Alimentaria.
Na súa intervención, o presidente da Xunta puxo en valor os nomes que, sen egos nin palabras grandilocuentes, asumen o papel de construtores de Galicia e erguen proxectos que se acaban fundindo co seu progreso. “Eses artífices poden adoptar un nome individual, como José María Fonseca ou un nome colectivo, como Vigo”, afirmou.
Rueda sinalou que velar pola fortaleza económica da cidade é unha tarefa de todos e que a Xunta será a primeira en protexer os intereses do pulmón económico vigués para que siga insuflando oxíxeno ao conxunto da cidade, da área e da economía galega. Unha prioridade, abundou, na que tamén están chamadas a participar todas as institucións, desde as municipais ata o Goberno central.
Deste xeito, afirmou que o presente e o futuro dun Vigo forte pasa por que Stellantis poida ter garantías para instalar en Balaídos as súas novas plataformas; por lograr que a Comisión Europea corrixa o veto inxustificado á pesca de fondo ou por que o anuncio de suba das peaxes na AP-9 non supoña un novo lastre á competitividade das empresas. A Xunta, pola súa banda, incrementou un 86% as partidas do seu orzamento para conxelar as tarifas nas autoestradas da súa titularidade.
Eloxio a José María Fonseca
O presidente da Xunta, así mesmo, tivo palabras de
eloxio para o presidente de Terras Gauda, cuxa biografía está repleta de feitos
imposibles que acabaron presentándose non só como posibles, senón como
familiares.
Así, gabou a un entusiasta do viño que entra nun negocio de subsistencia, minifundista, e acaba fundando unha compañía que exporta a 70 países; e recoñeceuno por promover as variedades autóctonas e levar a súa empresa á Rioxa, cando o habitual era a viaxe á inversa. “O liderado de José María, e de empresarios como el, consiste en que hoxe vexamos como unha evidencia o que antonte era unha quimera”, sentenciou.
Parabéns
Alégrome moito esta distinción que recibe este gran amigo ourensán que ademais de ser un gran empresario, é unha persoa familiar, encantadora e gran mecenas das artes e da cultura. Ten ben merecida esta Medalla.