Dese xeito, ademais, sería posible chegar a transportar a través do ferrocarril ata o 12% das mercadorías, acadando así unha porcentaxe de cota modal similares aos de países de Francia ou Alemaña.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, Ethel Vázquez, a conselleira de Mobilidade e Transformación Dixital de Castela e León, María González Corral, e o conselleiro de Medio Rural e Cohesión Territorial do Principado de Asturias, Alejandro Calvo Rodríguez, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo en Ponferrada no marco da alianza que manteñen as tres comunidades en defensa do Corredor Atlántico Noroeste.
O obxectivo desta xuntanza foi consensuar os obxectivos e as liñas de actuación que deben guiar os investimentos na modernización da rede ferroviaria do noroeste peninsular, conformando un plan director do Corredor Atlántico nas tres comunidades.
O gran obxectivo desa estratexia común é que o noroeste consiga dispoñer das infraestruturas necesarias para incrementar a competitividade dos portos e plataformas loxísticas, aumentar o tráfico de mercadorías e acadar porcentaxes de transporte por ferrocarril equivalentes aos de Francia e Alemaña.
Galicia, Asturias e Castela e León están a ultimar a posta en común do traballo realizado nos últimos anos de forma independente e coordinada polas tres autonomías para identificar as principais deficiencias e carencias da súa rede ferroviaria e as actuacións prioritarias no desenvolvemento do Corredor Atlántico.
As tres comunidades consideran imprescindible aproveitar a oportunidade única do reforzo dos orzamentos da UE co fin de paliar os efectos derivados da covid-19, coa creación extraordinaria dos Fondos Next Generation para impulsar a remodelación global da rede ferroviaria do noroeste que está incluída no trazado do Corredor Atlántico, ademais dos xa previstos recursos do mecanismo Conectar Europa, que no programa 2021-2027 está dotado con 25.800 M€ para o sector do transporte.
Galicia, Asturias e Castela e León conformaron no ano 2017 unha alianza de éxito para impulsar que, con motivo da revisión dos regulamentos europeos sobre a Rede Ten-T, se corrixise o erro histórico que deixaba o noroeste peninsular fóra do trazado do Corredor Atlántico.
Grazas a ese traballo conxunto, a liña ferroviaria Venta de Baños-León-Xixón e León-Monforte de Lemos-Ourense-Vigo-A Coruña pasaron a formar parte do Corredor Atlántico. Agora, as comunidades traballan para conseguir que ese logro se traduza nunha modernización e mellora da súa rede ferroviaria que redunde no incremento da competitividade e das capacidades loxísticas do noroeste.
Con esta estratexia común búscase propoñer ante o Goberno de España e a Unión Europea un plan de actuacións concertadas para o desenvolvemento do transporte intermodal e da loxística no noroeste, reducindo de forma notable as emisións de CO₂.
As infraestruturas pendentes de execución, as ramplas elevadas, a vía única en parte da rede, os treitos sen electrificar e as seccións saturadas apúntanse como as principais deficiencias que se deben superar para acadar os obxectivos marcados.
As tres comunidades agardan concluír nas vindeiras semanas a elaboración da estratexia conxunta, definindo as prioridades de actuación e cuantificando os investimentos precisos.