martes, 20 de diciembre de 2022

O Pleno do Parlamento de Galicia aproba a Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2023

As contas públicas de Galicia para o ano 2023 recibiron hoxe o visto e prace no Pleno do Parlamento galego. Estes orzamentos son os máis altos da historia da Comunidade e ascenden a 12.620 millóns de euros para apoiar ás familias, a dinamización económica e fortalecer os servizos públicos. Son tamén uns presupostos de impulso, do impulso que Galicia necesita.

 

Un impulso baseado nunha política fiscal propia e previsible que aposta por baixar os impostos todo o posible; no reforzo constante e continuo dos servizos públicos, no endebedamento responsable e en máis reforzo no investimento produtivo.

 

Neste marco, os presupostos de 2023 reforzan un ano máis o gasto social, é dicir, a sanidade, a educación, as políticas sociais, e o fomento do emprego. Así, estes orzamentos inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 9.368 millóns de euros (709 M€ máis que no vixente exercicio) para sanidade, ensino, políticas sociais e emprego.

 

Tamén inclúen un reforzo do investimento produtivo, de forma que o vindeiro exercicio, Galicia disporá de 2.772 millóns de euros para investimentos, un 8,5% máis que no 2022 co obxectivo de axudar a impulsar investimentos que aceleren a transformación do tecido produtivo.

 

Cinco liñas de actuación prioritarias


As contas do vindeiro ano tamén reforzarán con máis de 500 M€ adicionais cinco liñas prioritarias de actuación para acompañar a familias e empresas nesta conxuntura de alza de prezos e con medidas para impulsar a competitividade.

 

As liñas de actuación inclúen medidas de apoio e protección das familias e das persoas máis vulnerables; medidas de aforro e eficiencia enerxética; medidas de dinamización económica; medidas de protección do medio ambiente, loita contra a seca e o cambio climático; e finalmente medidas de fortalecemento dos servizos públicos autonómicos.

 

Estas cinco liñas están perfectamente encaixadas na planificación deseñada no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, de feito, estes, serán os primeiros orzamentos en clave Galicia 2030 nos que se inclúan as prioridades dos eixos e obxectivos estratéxicos da folla de ruta trazada pola Xunta para esta década.


Novas baixadas de impostos


No ano 2023 as familias son o centro das políticas de loita contra a inflación mediante baixadas nos impostos. Así, en materia de política fiscal, os orzamentos recollen diversas medidas para mitigar os efectos da inflación na renda dispoñible das familias e reforzar o impulso da reactivación económica.

 

No Imposto da Renda, defláctanse con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2022 os tres primeiros tramos do IRPF e rebáixase por cuarta vez en nove anos o IRPF, neste caso, o tramo autonómico máis baixo para rendas máis modestas, que pasa do 9,4% ao 9%. Os cidadáns galegos aforrarán na declaración de 2023 unha media de 476 € en relación ao que pagaban en 2009.

 

Ademais, Galicia será a primeira comunidade en equiparar a efectos fiscais as familias con dous fillos ás familias numerosas cunha dedución de 250 euros no IRPF. Tamén se duplica a dedución que se aplica ás familias numerosas co que a dedución das familias con tres fillos será de 500 €, cun aumento doutros 250 € por cada fillo a maiores.