martes, 6 de diciembre de 2022

Conmemorando en Ourense o 44 aniversario da aprobación da Constitución Española


Conmemoramos na cidade de Ourense este martes 6 de decembro, o Día da Constitución no 44 aniversario da súa aprobación cun acto institucional que tivo lugar ás 12:00 horas no auditorio municipal de San Francisco. Foron entregados os premios aos alumnos que gañaron a 38ª edición do Concurso da Constitución Española, que versou nesta ocasión arredor dos artigos 44 e 46, un concurso dirixido a estudantes dos distintos niveis educativos de entre 3 e 18 anos da provincia.

Foi presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso; e contou tamén coa presenza do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o delegado da Xunta, Gabriel Alén; o presidente da Audiencia Provincial, Antonio Piña; a fiscala xefe de Ourense, Eva Regueiro; e parlamentarios do Congreso, o Senado, do Parlamento galego e deputados provinciais, ademais doutras institucións e representantes dos ámbitos sociais, da xudicatura e da cultura.

Foto O Sil
Durante o acto tamén foron entregadas mencións especiais por “actividades extraordinarias a prol da sociedade” á Cruz Vermella en Ourense; ao Grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña; ao Seprona e á Policía Xudicial de Ourense; e a Juan Carlos Blázquez, comisario xefe provincial, despois de 42 anos de servizo.

Rematou o acto coa interpretación dos himnos de Galicia e de España.

Foto O Sil