Esta mañá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a recuperación do castelo-fortaleza de Monterrei como modelo da alianza do turismo co patrimonio histórico. Nunha visita ao monumento, o mandatario galego chamou a atención sobre o alcance do Plan Xacobeo Next Generation, dotado con máis de 30 millóns de fondos europeos e que inclúe actuacións nunha ducia de Bens de Interese Cultural como é o complexo de Monterrei.
Como paso previo ás actuacións na fortaleza, a Xunta realizou un estudo para avaliar o grao de deterioro das edificacións, as vías de acceso e o seu valor arquitectónico para levar a cabo unha rehabilitación rigorosa. O titular do Goberno galego anunciou que a intención é licitar as obras ao inicio do 2023 para logo levar a cabo un traballo dividido en dúas fases; a primeira, coa recuperación dos edificios do Cuartel de Infantería, o antigo Concello e o Colexio de San Xoán; e a segunda, con actuacións adicionais na Praza do Mercado e na Praza de Armas para poñer en valor os seus usos turísticos.
En total, está previsto actuar no complexo ata o ano 2025 coa intervención en 20.000 metros cadrados de espazos públicos, coa mellora da eficiencia enerxética e a mobilidade e co aproveitamento e impulso dos recursos turísticos. Segundo explicou Rueda, o obxectivo pasa por “respectar a esencia e a utilidade pública” do monumento ao mesmo tempo que “se lle dá cabida a novos investimentos” no marco do Plan Xacobeo Next Generation.
O proxecto pretende poñer en valor e rendibilizar desde o punto de vista turístico un enclave que foi a maior acrópole de Galicia, fortaleza defensiva e hospital de peregrinos ata que nos anos sesenta se converteu en Parador Nacional e que posteriormente foi declarado Monumento Nacional e Ben de Interese Cultural.
Deste xeito, a fortaleza de Monterrei “pódese converter nun dos grandes polos de atracción turística de toda Galicia”, en palabras do presidente. “Temos unha enorme
oportunidade e imos facer as cousas ben sabendo que temos un tesouro”, concluíu.
Plan Xacobeo Next Generation
Galicia ten previsto investir preto de 23 millóns de euros na recuperación dunha ducia de Bens de Interese Cultural (BIC) coa posta en marcha dun proxecto que mestura turismo, patrimonio e sustentabilidade e que destina os recursos procedentes dos fondos europeos á recuperación de monumentos de gran valor como a fortaleza de Monterrei.
Ademais do investimento en Monterrei, o proxecto inclúe actuacións en tesouros arquitectónicos como a Torre de Hércules na Coruña, a Torre de Oeste en Catoira, o Cárcere Vello de Tui ou o Castelo de Santa Cruz da Guarda. Tamén en tesouros naturais como o Arquipélago de Sálvora, a Illa de Ons e a Ribeira do Lérez, sen esquecer outros de gran valor cultural como a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, o conxunto histórico-artístico de Mondoñedo, o Parque do Pasatempo de Betanzos ou a Casa Museo de Valle-Inclán en Vilanova de Arousa.