Comezou 2023 cun comportamento dilixente da Vicepresidencia primeira e C. de Economía, Industria e Innovación da Xunta en relación co impulso a
actividade económica do noso tecido empresarial, evidenciado por recentes publicacíóns no DOGA que reseó nesta entrada.
A Xunta abre o prazo de solicitude para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais
Os apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.
As axudas teñen unha intensidade do 80 % ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25 % da axuda concedida. Na selección de proxectos teranse en conta criterios como se é Concello Emprendedor.
Esta liña contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia, polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.
Xunto con estas axudas, o Goberno galego seguirá executando en 2023 os apoios concedidos a maiores -por importe de 3,5 M€- para a posta en marcha de sete viveiros industriais e para o reforzo e extensión das redes de distribución de tres polígonos.
Impulso da Xunta a máis de 220 plans de internacionalización de
pemes galegas en preto de medio centenar de países
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 4 de xaneiro a resolución dunha nova convocatoria do programa Galicia Exporta Empresas, unha das liñas de apoio á presenza exterior das compañías galegas que a Administración autonómica ten en marcha. A través dela promoveranse desta volta máis de 220 plans de internacionalización de pemes galegas en preto de medio centenar de países.
Os plans apoiados facilitan, entre outras
iniciativas, a participación en accións de promoción internacional,
campañas en medios no estranxeiro, a planificación de axendas de contactos e
seguimento de clientes no exterior ou a xestión de acordos comerciais
internacionais. O conxunto dos apoios supón unha mobilización de máis de 5M€ e
cobren o 70% dos custos dos plans de internacionalización, cunha achega máxima
por solicitude e compañía de ata 91.000 euros.
Por sectores produtivos, destacan as empresas beneficiarias do ámbito da alimentación, as TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, o naval ou a construción. En canto aos principais países de destino elixidos, atópanse Alemaña, Francia, Italia, Colombia, Estados Unidos, México, Emiratos Árabes Unidos, Reino Unido ou Xapón. Así mesmo, os plans de internacionalización permitirán chegar a outros mercados como Islandia, Tailandia, Costa Rica, Libia ou Singapur.
Na procura de impulsar a internacionalización do
tecido produtivo galego, permitindo ás empresas apoiarse en ferramentas
innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de
comercialización, a Vicepresidencia primeira, a través do Igape, activou tamén
o Galicia Exporta Organismos Intermedios, que busca apoiar iniciativas
colectivas coordinadas por agrupacións empresariais, e o Galicia Exporta
Dixital, que permite ás empresas apostar por ferramentas innovadoras para
acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de
comercialización.
A través do Galicia Exporta Organismos Intermedios
promovéronse, na última convocatoria, 185 proxectos correspondentes a misións
directas ou visitas a feiras no estranxeiro, a participacións como expositores
en feiras internacionais (24,5%) ou a misións inversas desde o estranxeiro de
importadores, distribuidores, medios de comunicación e outros prescritores. E,
pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital aprobou preto de 180 proxectos
cun investimento inducido de 7,7M€.
A aposta pola internacionalización
Todos estes programas enmárcanse na Estratexia de
Internacionalización do Goberno galego, a folla de ruta que busca facilitar a
saída ao exterior das pemes da Comunidade apostando pola dixitalización e a
diversificación de mercados.
Neste sentido, as vendas ao exterior están a acadar
rexistros históricos, rozando xa nos primeiros dez meses de 2022 os 25.000M€
exportados, o que supón un incremento do 20,6% con respecto ao mesmo
período de 2021. Deste xeito, e a falta de coñecer os datos dos dous últimos
meses de 2022, Galicia superará o récord acadado no total de 2021, cando se
exportaron preto de 25.270M€.
Para seguir contribuíndo a estas cifras, a Xunta destinará
este ano máis de 20 millóns de euros a colaborar co tecido empresarial galego
para manter o mellor ciclo exportador da súa historia.