Hoxe presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou a aposta de Galicia por un turismo sostible da man da enogastronomía co obxectivo de consolidarse como destino de referencia na década xacobea. O mandatario galego asegurouno na súa visita á feira internacional de turismo Fitur, onde interveu na presentación da campaña Galicia, unha viaxe enogastronómica e sustentable e no acto do décimo aniversario do Clúster Turismo de Galicia.
O presidente da Xunta, que estivo acompañados polo opresidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo e outras autoridades destacou os datos positivos do
turismo en Galicia nos últimos anos malia a pandemia e a crise económica
mundial. Fíxoo da man dun Xacobeo histórico que pechou cun récord de 438.000
peregrinos procedentes de 180 países e cun volume de viaxeiros ata o de agora
nunca alcanzado, con 6,3 millóns de persoas que visitaron a Comunidade no 2022.
En especial fixo referencia á campaña Camiña a Galicia que, da
man de Xoel López e da súa música, quedará no recordo como unha das de maior
impacto na promoción de Galicia.
O presidente da Xunta recordou que se presentan outras
oportunidades únicas para regresar a Galicia nesta década xacobea na que
volverán a ser santos os anos 2027 e 2032, polo que augurou cifras aínda máis
optimistas porque, recordou, “Galicia está de moda”.
O mandatario galego indicou que boa parte dese éxito
débese a que Galicia xa coidaba antes da pandemia aspectos que agora demandan
os turistas do século XXI e que se axustan aos parámetros de calidade e
sustentabilidade que esixe a Unión Europea, como o turismo tranquilo, o coidado
da natureza ou o respecto polo medio ambiente. “Galicia é verde”, indicou o
presidente da Xunta, quen abundou tamén en que ao turismo galego se lle poden
aplicar as 4 R da sustentabilidade: reduce trafego, recupera patrimonio,
recicla o estrés e reutiliza experiencias gastronómicas. Indicou que esta
mesturanza de enogastronomía e turismo sostible figura en apostas como a Ruta
dos Viños, o turismo náutico e deportivo ou o termalismo, numerosas experiencias
que levan o selo de Galicia Calidade.
Alfonso Rueda invitou en Fitur a desfrutar desta
década xacobea e a camiñar a Galicia os que aínda non o fixeran. E os que si, a
repetir, “porque o que visita Galicia sempre volve”, asegurou.
Dez anos do Clúster Turismo de Galicia
O presidente amosouse convencido de que boa parte dese
éxito ten que ver coa implicación de todos os sectores vencellados ao turismo
remando na mesma dirección co apoio da Administración autonómica. Especialmente
valorou o traballo do Clúster Turismo de Galicia, que celebra o seu décimo
aniversario e ao que o presidente galego agradeceu a súa profesionalidade e a
colaboración e o diálogo que sempre mantivo coa Administración para, entre
todos, superar os atrancos e acadar os éxitos dos que hoxe pode presumir
Galicia.
Rueda ratificou o apoio da Xunta ao turismo galego,
como amosou na pandemia cun plan de rescate cifrado en 120 millóns de euros ou,
no 2022, cunha partida que supera os 27 millóns en axudas para mellorar a
calidade, a profesionalidade e a innovación no sector, ademais dos 8 millóns
que este ano se destinan a unha liña de axudas para mellorar a eficiencia
enerxética dos establecementos turísticos