sábado, 28 de enero de 2023

A Xunta demanda a dotación de 7 trens Avril e 6 frecuencias diarias máis para garantir un servizo de ave completo e competitivo entre Madrid e as principais cidades galegas

 

No Consello da Xunta do pasado xoves 26 foi avalado un informe sobre as necesidades relacionadas coa chegada do AVE ás demais cidades galegas, unha vez que está operativo en Ourense desde decembro de 2021.

O Executivo autonómico traslada neste informe a preocupación polo número de trens Avril de rodadura desprazable en fabricación que o Goberno de España asignará á liña Galicia-Madrid. Mentres o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non subministre os trens Avril necesarios, de rodadura desprazable e adaptados aos diferentes anchos de vía da rede galega, o AVE chegará de forma parcial e incompleta a Galicia, pois actualmente só conecta a cidade de Ourense con Madrid. 

O informe resalta a urxencia de dar resposta á crecente demanda que está a rexistrar esta conexión ferroviaria, sendo este o eixo de alta velocidade Madrid-Galicia o que máis medra, un 72 % por enriba das liñas a Levante (+43,7 %) e Madrid-Barcelona (+37,8 %), liñas que nestes momentos contan con máis dun operador. De xeito máis detallado, cabe sinalar que un total de 1,8 millóns de pasaxeiros empregaron esta conexión ferroviaria no primeiro ano de funcionamento, o que equivale a 4.931 persoas de media ao día, superando os viaxeiros rexistrados no mesmo itinerario que utilizaron o avión, que sumaron 1,6 millóns. 

Aproveitar ao máximo as potencialidades da alta velocidade ferroviaria 

O Goberno galego considera imprescindible dispoñer deste material rodante para aproveitar ao máximo as potencialidades da alta velocidade galega, tendo en conta que a liña opera actualmente só ao 31 % do seu potencial, pese ao aumento de frecuencias que supuxo a posta en servizo da liña de alta velocidade entre Madrid e Ourense. De feito, o ramal de alta velocidade que parte cara a Galicia desde a liña troncal Madrid-Valladolid conta cunha capacidade de 72 surcos, dos cales o tráfico actual de trens só está a aproveitar 22 deles, o que significa que quedan 49 aínda dispoñibles para que Renfe incremente as frecuencias ou para que Adif abra a liña á competencia, como xa se fixo con outros grandes accesos da alta velocidade española. 

A Xunta considera necesario, ademais, que a dotación de trens Avril vaia acompañada dun incremento de servizos, tanto de ida como de volta, entre as cidades galegas e Madrid á primeira hora da mañá, ao mediodía e á tarde-noite. Máis concretamente, para mellorar os servizos de tren o Executivo autonómico propón 6 servizos con orixe ou destino na Coruña, incrementando as frecuencias no corredor A Coruña-Santiago-Ourense nas franxas horarias de primeira hora da mañá, ao mediodía e á tarde-noite; e 6 servizos con orixe ou destino Vigo, incrementando as frecuencias no corredor Vigo-Pontevedra-Santiago-Ourense, nas franxas horarias de primeira hora da mañá, ao mediodía e á tarde-noite.

Ademais, a Xunta pide ampliar dous novos servizos para garantir o acceso desde Ferrol e Lugo á alta velocidade nas franxas horarias máis atractivas para os usuarios. Deste xeito, estímanse necesarios 7 trens Avril para cubrir as necesidades de mobilidade de Galicia, evitar o cambio de tren e a penalización no tempo de viaxe que supón actualmente non contar con estes trens de rodadura desprazable na alta velocidade cara ás demais cidades galegas desde Ourense: 2 atenderían os novos servizos necesarios nas principais franxas horarias coa Coruña; outros 2 os novos servizos con Vigo; e os 3 restantes para atender os demais servizos que operan no resto do día nos que, a día de hoxe, a maioría se fan con transbordo en Ourense. 

Isto suporía un incremento de prazas dun 64 % que, se a evolución do número de viaxeiros se mantén como a que se está a rexistrar, se considera que sería unha oferta adaptada, en todo caso, para atender os picos de demanda que se poidan producir en épocas especiais, como o verán ou o Nadal. 

Aforros de tempos 

A Xunta lamenta que o Executivo estatal siga sen concretar unha data para a posta en funcionamento dos trens Avril, tras varios incumprimentos de prazos. Polas últimas declaracións de responsables do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, non se espera que estes trens estean dispoñibles, como pronto, ata o outono. 

Estes trens son estratéxicos para acadar os tempos comprometidos para a conexión entre Galicia e Madrid e evitar que os usuarios se vexan obrigados a realizar as súas viaxes a Madrid desde as cidades da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo en Alvia, que acada unha velocidade máxima de 250 km/hora, fronte aos 300 km/hora do AVE, condicionando negativamente os tempos de viaxe cara á capital de España; ou a realizar o transbordo en Ourense para poder viaxar en alta velocidade a Madrid, o que minimiza a comodidade e a competitividade destes servizos. 

No caso da cidade de Ourense, os tempos acadados son os previstos inicialmente pola chegada do AVE, pero no resto de cidades existe un desfase que vai dos 25 minutos entre Madrid e Ferrol ata os 59 minutos entre a capital e Lugo, 30 máis na conexión con Santiago de Compostela, 36 coa Coruña, 50 con Pontevedra e 56 minutos máis con Vigo. Tal como vén reivindicando o Goberno galego, coa chegada dos trens Avril, Santiago de Compostela e A Coruña contarán cuns tempos de percorrido próximos aos comprometidos, pero no resto de cidades as diferenzas serán de máis de 30 minutos.

Neste sentido, a Xunta vén reiterando a necesidade de planificar eficientemente a disposición dos trens Avril nesta liña para aproveitar ao máximo en Galicia a capacidade e as potencialidades da alta velocidade. Do mesmo xeito, recorda que nin a cidade de Lugo nin a de Ferrol poderán desfrutar destes novos trens ata que as súas liñas estean electrificadas, necesidade que a Xunta reclama se cubra canto antes. No caso da liña ata Ferrol non existe planificación por parte do Goberno de España para rematar o Eixe Atlántico ferroviario, que estará incompleto mentres non se execute unha liña de características homoxéneas entre Ferrol e Portugal. 

No caso de Lugo, a electrificación da liña con Monforte está en obras, pero non existe data pechada para a súa posta en servizo. 

Fases para a posta en servizo dos Avril 

A posta en servizo dos trens Avril non depende unicamente de que se superen as probas de homologación, senón que require da autorización das autoridades ferroviarias e da verificación de cada un dos trens para a súa entrega, así como formar os maquinistas antes da posta en servizo. Neste sentido, o Goberno galego insta ao Ministerio de Transportes a traballar con determinación a prol da axilización dos procedementos administrativos que serán necesarios tras a homologación dos trens de rodadura desprazable por parte de Talgo, que se prevé acadar en próximas semanas, como a liberación de liñas para a formación de maquinistas. 

A Xunta insiste no informe en que os diferentes anchos da rede ferroviaria galega lastran a posibilidade de competencia por parte de compañías de baixo custo que non dispoñan de vehículos adaptables ao ancho ibérico existente en Galicia, o que tamén impide prezos do billete máis económicos para os usuarios. A disposición dos trens Avril e unha maior oferta de servizos ferroviarios de alta velocidade non só posibilitarían proporcionar unhas tarifas máis competitivas que as existentes na actualidade, senón que tamén redundarían no reforzo do atractivo desta conexión, coa conseguinte dinamización económica e social para Galicia. 

Principais vantaxes dos trens Avril 

O tren Avril RD é un tren especialmente deseñado para circular polas vías ferroviarias do territorio español. No seu deseño tívose en conta que o tren fose o máis flexible posible, para permitir operar en todas as condicións, independentemente da tensión da rede ou do ancho da vía, estándar ou ibérico, como o que existe no territorio galego.

Estes trens ofrecen unha serie de vantaxes competitivas. En primeiro lugar, ao seren de rodadura desprazable, evitan a realización de transbordos, xa que ese ancho variable permítelles circular polos distintos tipos de vía, reducindo os tempos de viaxe. Son trens, ademais, con velocidades que superan os 300 km/h, fronte aos 250 km/h dos trens actuais. 

Tamén son máis accesibles e con maior capacidade: igualan o número de viaxeiros que poden viaxar nun tren de dous pisos mantendo só un piso totalmente accesible á altura do andén; e superan a capacidade dos trens actuais: en 150 prazas con respecto aos AVE que operan ata Ourense; e en máis de 200-250 prazas con respecto aos Alvia, xa que os trens Avril RD dispoñen de 521 prazas. Tamén supoñen unha diminución do consumo enerxético respecto aos vehículos actuais, polo tanto, son máis eficientes e respectuosos co ambiente.