jueves, 26 de enero de 2023

EPA IVT de 2022: Rematou o ano 2022 en Galicia con 3.700 parados menos que no ano anterior

 

Publica hoxe o INE a Enquisa de poboación activa (EPA) Datos correspondentes ao cuarto trimestre de 2022. Datos que foron procesados polo IGE

Poboación activa

No cuarto trimestre de 2022 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.345.600 persoas, das cales 1.235.900 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 52,7 %. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas diminúe en 12.700 persoas e a taxa de actividade baixa 0,6 puntos respecto ao terceiro trimestre de 2022.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2021, o número de persoas activas aumenta en 9.500 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,3 puntos. Por sexo, a taxa de actividade masculina diminúe 1,1 puntos respecto á cifra rexistrada hai 3 meses, situándose no 56,2 %. A taxa de actividade feminina tamén diminúe, 0,1 puntos porcentuais neste caso, e sitúase no 49,5 %.

Poboación ocupada

A ocupación diminúe en 9.300 persoas no cuarto trimestre de 2022 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.104.500 persoas ocupadas. A taxa de ocupación decrece con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 47,1 %. Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 13.200 persoas, o que supón un incremento do 1,2 % en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre baixou a ocupación masculina, pero creceu a feminina: o número de ocupados varóns diminuíu en 10.600 persoas respecto ao terceiro trimestre do ano 2022; a ocupación das mulleres, pola contra, rexistrou un aumento de 1.400 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nunha baixada da taxa de ocupación masculina de 1 punto e nun incremento da taxa feminina de 0,1 puntos con respecto ao trimestre pasado. Con respecto ao cuarto trimestre do ano 2021, o número de homes ocupados diminuíu en 6.400 persoas (un -1,1 %), mentres que o de mulleres ocupadas aumentou nun 3,8 %.

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre diminuíu na industria e na construción, pero aumentou no sector primario e nos servizos. Agricultura e pesca rexistran un incremento da poboación ocupada, cifrado en 2.100 traballadores e traballadoras máis que hai 3 meses. Nos servizos, a ocupación increméntase en 500 persoas. Pola contra, na construción a baixada da ocupación cífrase en 5.000 persoas menos e, na industria, a diminución é de 6.800 persoas menos no cuarto trimestre do ano respecto ao anterior.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2021, a ocupación diminúe tamén na industria (-6,2 %) e na construción (-1,8 %), pero aumenta no sector primario (7,7 %) e nos servizos (2,6 %).

Poboación asalariada

En Galicia había 898.200 persoas asalariadas no cuarto trimestre de 2022, 749.000 con contrato indefinido e os 149.300 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 3.900 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido, o que supón un incremento de 0,5 puntos en termos relativos. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe, pola contra, en 17.300 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 10,4 % con respecto ao terceiro trimestre de 2022). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 11,9 %, e as persoas con contrato temporal diminuíron un 30,6 %. A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 16,6 %.

Poboación parada

No cuarto trimestre de 2022 en Galicia había 131.400 persoas en paro, 3.400 menos que no trimestre anterior. A taxa de paro diminúe 0,2 puntos e sitúase no 10,6 %. Con respecto ao cuarto trimestre do ano 2021, o número de parados e paradas diminúe en 3.700 persoas (un 2,7 %) e a taxa de paro, a súa vez, decrece 0,4 puntos en termos interanuais.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, diminúe tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados sitúase en 61.800 persoas (1.400 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 69.600 persoas (2.100 mulleres menos). A taxa de paro masculina mantense nos mesmos niveis que hai tres meses e a feminina decrece 0,3 puntos porcentuais, situándose a primeira no 9,8 % e a segunda no 11,5 %. No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino baixa en 1.300 persoas (un 2,1 % menos) e o volume de paradas diminúe en 2.400 persoas (un 3,3 % menos que hai un ano).

Fogares

No cuarto trimestre de 2022, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 1.500 unidades e sitúase en 52.300 fogares. Respecto ao cuarto trimestre de 2021, esta tipoloxía de fogares increméntase un 2,8 %. Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 700 unidades. O número de fogares nesta situación é de 640.900. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 6.000 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 0,9 % en termos relativos.

Poboación xuvenil

Dos 323.800 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 116.400 (o 35,9 %) están ocupados/as, 28.800 (o 8,9 %) parados/as e os 178.600 (o 55,2 %) restantes son inactivos. A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 35,9 % no cuarto trimestre de 2022. Con respecto ao trimestre anterior diminúe 1,6 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2021 aumenta 0,6 puntos. A taxa de paro xuvenil sitúase no 19,8 % neste trimestre; diminúe 3 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co cuarto trimestre de 2021, diminúe 3,3 puntos.

No cuarto trimestre de 2022, o 76,5 % dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao terceiro trimestre de 2022, esta cifra baixa un 4 %; a cifra de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial diminúe tamén neste trimestre, en 900 persoas. Con respecto ao cuarto trimestre de 2021, aumenta a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 3.100 persoas), e a ocupación a xornada parcial mantense nos mesmos niveis que hai un ano.

Dos 105.700 asalariados e asalariadas existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 60,1 % está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. O número de mozos e mozas con contrato indefinido aumenta un 13,6 % respecto ao trimestre anterior; aumenta tamén, neste caso un 50,8 %, respecto ao mesmo trimestre de 2021. O número de mozos e mozas asalariadas con contrato temporal diminúe un 22,4 % respecto ao trimestre pasado, e un 30,8 % respecto ao cuarto trimestre de 2021. A taxa de temporalidade para o colectivo dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 39,9 %.

Grandes concellos

Se comparamos os datos dos sete grandes concellos galegos (aqueles que superan os 50.000 habitantes), observamos que Lugo e A Coruña son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (52,7 % e 50,2 % respectivamente) no cuarto trimestre de 2022. Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (38,7 %).  No referido ás taxas de paro, este trimestre Lugo é o concello de entre os sete grandes con menor valor (9,7 %) e Ferrol o que presenta a taxa de paro máis elevada (15,9 %)

OURENSE

Os datos da EPA poñen de manifesto que a provincia de Ourense pechou o ano con 113.100 ocupados, 14.900 parados; unha taxa de actividade do 47.61 % e de paro do 11,64 %

Fontes de información INE-IGE. Enquisa de poboación activa (EPA)