O Consello da Xunta avaliou hoxe un informe sobre a necesidade de recuperación e mellora dos servizos ferroviarios rexionais e de proximidade en Galicia no que se analizan as conexións de tren actuais na comunidade e a diminución que se ten producido nos últimos anos, empregando como escusa a pandemia.
Desta análise global conclúese que Galicia aínda non recuperou o 22% das súas principais conexións ferroviarias, unha cifra que se eleva ata o 28% nos servizos rexionais que atenden pequenas conexións intermedias.
A situación agrávase e chega a ser verdadeiramente preocupante en eixes como o Vigo-Monforte, que perdeu un gran número de servizos de tren diarios no cómputo global, cunha redución de arredor do 75% no traxecto Vigo-Ourense, dos cales a metade eran rexionais, e dun 50% na conectividade con Portugal, pasando de 8 a 4 servizos actuais.
Tamén se rexistra unha perda do 66% dos servizos no eixe Monforte-Ponferrada, que pasou de ter unha dotación de 12 trens a ter só 4; e no eixe A Coruña-Monforte, cunha redución sistemática de trens, superior ao 50% no treito entre A Coruña e Lugo (perda de 6 trens).
A liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol perdeu un 36% dos servizos no treito entre A Coruña e Betanzos, 8 trens; e un 14%, 2 servizos de tren, entre Betanzos e Ferrol.
No eixe Ferrol-Ortigueira a redución foi superior ao 30% con respecto ás conexións existentes antes da pandemia, pasando de 34 trens a 22 actuais.
No eixe atlántico ferroviario, na liña A Coruña-Vigo, en canto a número, recuperáronse os servizos previos á pandemia, se ben se aprecia un transvase de servizos de carácter rexional aos de media distancia, reducíndose o número de trens rexionais que circulan polas antigas vías entre Vigo e Pontevedra e entre Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela. Isto significa que faltan por recuperar o 7% das conexións rexionais.
O eixe Santiago-Puebla de Sanabria é o único que gaña servizos en cómputo global (5) e que non perde servizos de proximidade, posto que se prestan co tren de longa distancia.
Ante esta situación o Goberno galego incide na necesidade de manter os servizos ferroviarios, incrementalos e adaptalos ás necesidades reais dos usuarios para garantir que sexan eficientes e competitivos e unha alternativa complementaria a outros modos de transporte.
Faise imprescindible, pois, unha revisión da oferta por parte do Goberno de España para atender ás necesidades e demandas xurdidas nestes últimos anos, ben polo cambio de costumes derivados da pandemia, pola concienciación ambiental ou polo aumento desmedido dos custos que conduce a un maior uso do transporte público colectivo.
O Goberno galego estima que para que os servizos de tren sexan atractivos para os usuarios deben garantir tempos de viaxe competitivos, altas frecuencias en horas punta, regularidade nos horarios e calidade e puntualidade no servizo.
Pide, por iso, ao Goberno de España que reforce o tren en hora punta, xa que este servizo atende, principalmente, a usuarios recorrentes cuxos desprazamentos están asociados ao traballo ou aos estudos e, polo tanto, son necesarios para permitir a conciliación familiar e garantir a igualdade de oportunidades.
O Goberno galego alerta de que a falta de servizos, a variación e a non adaptación de horarios ás necesidades da poboación redundan nunha perda de atractivo para o usuario, que podería entenderse erroneamente como unha falta de demanda.
Nesta liña, reclama unha aposta clara polos servizos de proximidade rexional, reforzando os servizos existentes e ofertando outros novos en estacións rurais que na actualidade están en situación de case semiabandono.
A Xunta advirte que a continua mingua de opcións do uso do tren, ben por escaseza de frecuencias ou por horarios inaxeitados, levan á perda de viaxeiros e á degradación das estacións e das infraestruturas, dada a pouca rendibilidade pública dos investimentos necesarios.
O Goberno galego lembra a necesidade de investir no mantemento e mellora das infraestruturas ferroviarias máis antigas, xa que, para garantir a seguridade a fiabilidade do servizo de tren, a infraestrutura debe estar en perfectas condicións de uso.Tamén as estacións secundarias requiren dunha aposta do Goberno de España para a súa remodelación e modernización e posta en valor co fin de garantir a prestación dun servizo de calidade e seguridade aos usuarios.
Por último o informe avaliado hoxe polo Consello da Xunta urxe ao Executivo estatal a dinamizar os corredores ferroviarios en torno ás urbes máis importantes da comunidade, como unha oportunidade de mellora na prestación do servizo de tren aos cidadáns, ademais de acelerar o proceso de incorporación de novo material rodante que garanta eficiencia e calidade.