Asisto hoxe na Deputación de Ourense ao nomeamento de (José Quiroga Suárez Petín, 1920- A Rúa, 2006) como fillo predilecto da provincia a título póstumo.
En representación da familia, o
fillo do homenaxeado José Ramón Quiroga Gayoso recordou ao seu pai coma un
"medico rural dedicado permanentemente á súa familia, e ocasionalmente á
política", do que "aprendimos a importancia da familia, e que a
familia pode con case todo".
Quiroga Gayoso agradeceu, en nome da súa familia, "a todos os
que fixeron posible este acto, en especial ao presidente Manuel Baltar, aos
alcaldes da Rúa e Petín, e ao senador Miguel Bautista -tamén presente no acto-".
A biografía de José Quiroga é unha parte fundamental do desenvolvemento político da Galicia democrática.
Nacido en 1920 nunha familia de tradición liberal-conservadora, licénciase en Medicina na Universidade de Santiago con premio extraordinario de fin de carreira e diplómase en Cardioloxía pola Universidade de Barcelona. Despois, Quiroga volta a súa terra para traballar na consulta do seu pai. Este vencello a Galicia -e máis concretamente á provincia de Ourense e a súa comarca, Valdeorras- vehiculará toda a súa traxectoria pública e profesional.
Tras abrir un
consultorio na Rúa, é alcalde deste municipio entre 1953 e 1956. A súa carreira
política da un novo pulo coa fundación de Acción Política Orensana xunto a
Eulogio Gómez Franqueira, grupo que se unirá primeiro ao Partido Popular de Pío
Cabanillas e despois á UCD de Adolfo Suárez.
Coa constitución da Xunta de Galicia
preautonómica, José Quiroga asume un papel capital na política galega. Foi
conselleiro de Sanidade na etapa de Antonio Rosón (1977-1979), ao que relevará
ao fronte do goberno galego. Presidente da Xunta de Galicia desde xuño de 1979
ata xaneiro de 1982, vive en primeira persoa a aprobación do Estatuto de
Galicia e a progresiva construción da institución autonómica.
En paralelo mantivo un papel destacado
en Madrid. Na lexislatura constituínte de 1977, José Quiroga convértese no
senador máis votado de Galicia. Na Cámara Alta estará ata 1986. Tres
lexislaturas nas que o valdeorrés realizará unha intensa actividade en materias
de sanidade, dereitos humanos ou na comisión do Defensor del Pueblo.
José Quiroga militou posteriormente en
Coalición Galega e Alianza Popular. E sempre mantivo aberta a súa consulta na
Rúa ata a súa xubilación. Ese medio século de profesión médica axuda a
completar o perfil dun home familiar, cunha potente vertente académica e que
deixou un profundo recordo entre os seus veciños. Morreu en 2006, co
recoñecemento colectivo de contribuír dun xeito decisivo a Galicia dende
posicións moderadas, mantidas dun xeito coherente ao longo de toda a súa vida.
Na súa intervención, Manuel
Baltar definiu a José Quiroga como un "cidadán preocupado polo progreso e
o benestar de Galicia, un partícipe da cousa pública que exerceu con total
entrega e dedicación". Quiroga Suárez desenvolveu, sinalou o presidente do
goberno provincial, "con decisión as responsabilidades para as que foi
escollido, sen facer da política unha mera ambición persoal, aportando a
humanidade da súa vocación médica ó exercicio da acción pública. Actuou sempre
así, dende o compromiso cos seus veciños de Valdeorras ata a alta
responsabilidade de ser o segundo presidente do Goberno de Galicia".
Manuel Baltar enmarcou a traxectoria de Quiroga -"un Fillo ilustre da Ourensanía"-, na liña de pensamento do compromiso galeguista representando polos ourensáns Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Castelao e o poeta Ramón Cabanillas, "que transformaría, dende Ourense, o concepto cultural e político de Galicia".
O presidente da Deputación reflexionou, parafraseando a Barreiro
Rivas e ao seu libro "A terra quere pobo", arredor dese
"fatalismo histórico" de Galicia construído a partir do
"encontronazo entre unha cultura tradicional e inmobilista cun
contexto político, social e económico suxeito a fortes e ben orientadas
dinámicas". Este choque, valorou Manuel Baltar, orientou o pensamento dos
homes de Nós: "Participar, como pobo autoidentificado, como nación
cultural, no diálogo e no desenvolvemento global das culturas, das economías e
dos procesos políticos. Non rachar con nada, aspirar a todo".
Manuel Baltar situou a Quiroga no "comportamento ético e
telúrico" comezado polas Irmandadades da Fala e que "se fixo visible
e acadou altura intelectual cos homes de Nós, que continuou na política co
Partido Ourensán Republicano, integrado en 1932 no Partido Galeguista, que
remontou a terrible traxedia da guerra civil e da ditadura dende a outra beira
do Atlántico, dende Bos Aires". Unha liña política, sinalou o presidente, "retornada
co mesmo espírito, pero en diferentes circunstancias, na transición
democrática, cos grupos políticos afíns a Euloxio Gómez Franqueira,
militante da Mocidade Galeguista antes da guerra civil e cabezaleiro dunha idea
e dunha praxe agrupada en Coalición Galega. Despois viría Centristas de
Galicia, formación orientada por un gran amigo de José Quiroga, Victorino
Núñez".
"Ese longo camiño, con idas e voltas, con longas rectas e
reviravoltas", rematou o presidente da Deputación, "serviu de alento
a un médico entregado, que chegaría a ser o valedor e a voz defensora, perante
o Senado, do segundo Estatuto de Autonomía de Galicia; nobre e sacrificado
presidente dunha Xunta que carecía de case todo, pero que soubo suplir as
dificultades e os atrancos con valentía e dignidade".
Neste
acto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,
puxo en valor o papel do expresidente José Quiroga na construción da autonomía
de Galicia como a casa común da que hoxe desfruta o pobo galego.
Rueda enxalzou a talla “física, moral e
política” dunha figura que sen esquecer nunca as súas obrigas como médico e
como pai de familia foi quen de emprender un camiño cheo de incertezas como foi
o da construción do autogoberno galego e a redacción do Estatuto de Autonomía.
Asegurou que a homenaxe a Quiroga era tamén un recoñecemento a todos os
persoeiros que traballaron polo autogoberno de Galicia “con poucas ferramentas
e moi escasos recursos”.
O presidente do Goberno galego loou
tamén e carácter construtivo e dialogante daquela xeración de políticos que,
nos tempos da Transición e por riba das diferenzas, tiñan o obxectivo común de
acadar unha Constitución para España e un Estatuto para Galicia.
Rueda tamén aproveitou o acto para render homenaxe aos que lle precederon na presidencia da Xunta. “Os galegos teñen unha galería de presidentes da que poden sentirse orgullosos -asegurou-. Con independencia da súa cor política, a todos cómpre render tributo porque todos aportaron á obra común que chamamos Galicia”.