martes, 14 de febrero de 2023

A estación de autobuses intermodal de Ourense en 2021 rexistrou máis de 253.000 viaxeiros e en 2022 subiu ata os 407.800, un aumento do 60% desde a súa posta en servizo

 

Hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que preto de 700.000 viaxeiros empregaron a estación de autobuses intermodal de Ourense en 2 anos de funcionamento e demanda que o Goberno de España complete a infraestrutura e a dote cunha oferta de trens suficiente.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o vicepresidente da Deputación provincial, Rosendo Fernández, supervisou hoxe o funcionamento desta terminal intermodal.

Destacou que esta estación de autobuses intermodal, cun investimento da Xunta de 9 M€, permite un intercambio áxil e seguro entre os modos de transporte. Neste caso, ao estar á mesma cota as dársenas e os andéns é posible pasar do autobús ao tren en 30 segundos.

Estas obras foron cofinanciadas con fondos europeos do programa Feder Galicia 2014-2020.

Subliñou que en 2021 a estación rexistrou algo máis de 253.000 viaxeiros, unha cifra que en 2022 subiu ata superar os 407.800. Así, puxo o acento no aumento de usuarios de máis do 60% desde a súa posta en servizo.

Resaltou que a chegada do AVE a Ourense contribúe ao aumento de viaxeiros tamén na estación de autobuses, xa que que ata que non se habiliten os trens AVRIL de ancho variable, todos os usuarios teñen que desprazarse ata esta cidade para coller o tren rápido a Madrid.

Ethel Vázquez sinalou que a liña de AVE entre Madrid e Galicia é a que máis medrou de España, cun 72% de incremento de usuarios en 2022, e os datos da estación de autobuses de Ourense confirman esa tendencia.

Así, destaca especialmente o aumento de pasaxeiros na liña de autobús que conecta a estación de Ourense con Santiago de Compostela, pasando de 13.000 viaxeiros en 2021 a máis de 25.600 no ano 2022.

Descontos do 50% e tarxeta Xente Nova

Ethel Vázquez tamén recordou os descontos do 50% activos no prezo dos billetes desde o pasado 1 de setembro en todos os autobuses de competencia da Xunta, que se pagan con tarxeta TMG ou con bono multiviaxe.

Concretou que o Goberno galego mantén unha aposta sen precedentes polo transporte público e por iso elevou ata o 50% a bonificación do 30% anunciada polo Ministerio, facéndose cargo do 20% adicional e sufragando moitos meses a totalidade do desconto.

Grazas a esta medida, en toda Galicia bonificáronse case 6 millóns de viaxes e na provincia de Ourense, foron máis de 1 millón, tendo o 78% das viaxes desconto.

Sumou tamén a tarxeta Xente Nova, coa que a Xunta ofrece desde o ano 2020 viaxes gratis no seu transporte aos menores de 21 anos. En Ourense empregan este dispositivo case 7.800 mozos.

A conselleira destacou a aposta da Xunta polo transporte público e reclamou un maior esforzo polo transporte ferroviario. En relación coa estación intermodal de Ourense, reclamou que o Goberno de España a complete coa renovación da terminal de tren, para adaptala ao AVE e integrala na cidade, ademais de garantir unha oferta de servizos completa e suficiente.

Lembrou o recente informe avaliado no Consello da Xunta, que sinala que o 22% dos servizos rexionais e de media distancia anulados coa pandemia aínda non foron repostos, unha porcentaxe superior no corredor Monforte-Ourense-Vigo, onde as supresións acadan 75%.