Unhas cifras que puxo de manifesto esta tarde a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, acompañada da vicesecretaria de Igualdade do PP de Ourense, María Antonia Rilo, durante a concentración organizada polos populares ourensáns para reclamar a Pedro Sánchez e aos seus ministros que pidan perdón ás vítimas. Porque, tal e como reivindicaron, a dor das vítimas “está por riba de ideoloxías e sectarismos”.
“Non se pode soportar a ignominia que supón o feito de que o Goberno de Sánchez siga sen rectificar esta chapuza lexislativa aínda sendo consciente dos nefastos efectos que está tendo nas vítimas de agresións sexuais”, asegurou Paula Prado antes de cifrar en “máis de 40” o total de delincuentes sexuais beneficiados por esta lei en Galicia. “A aplicación da Lei do ´só si é si’ tradúcese en 65 anos de condena rebaixados na nosa Comunidade”, engadiu.
A número dous dos populares galegos recordou que a súa formación, durante a tramitación desta lei, xa advertiu no Congreso das súas nefastas consecuencias “pero Pedro Sánchez preferiu seguir adiante e botarlle a culpa aos xuíces”. De feito, o Partido Popular ten rexistrada desde o pasado mes de decembro unha proposición non de lei na Cámara Baixa para modificar esta norma.
“Ante o goteo constante de agresores sexuais que se benefician desta lei, máis de 500 en toda España, desde o Goberno din que van rectificar pero o único que fixeron foi enredarse en liortas internas que nada contribúen a solucionar a problema”, remarcou a secretaria xeral do PPdeG ao tempo que ofrecía os votos dos populares “para acabar canto antes con toda esta cadea de rebaixas de condenas”.
MARÍA ANTONIA RILO: “HAI RAZÓNS MÁIS QUE SUFICIENTES PARA SAÍR Á RÚA”
Pola súa banda, a vicesecretaria de Igualdade do PP de Ourense, María Antonia Rilo, afirmou que “hai razóns máis que suficientes para saír á rúa contra este despropósito de lei, contra o esperpento dunha norma redactada por quen se autoproclaman como únicos defensores do feminismo e ante o estupor de quen sempre traballamos polos dereitos, o respecto e a liberdade sexual das mulleres”.
A responsable de Igualdade dos populares ourensáns expresou o seu apoio ás vítimas dos condenados na provincia por delitos sexuais que viron rebaixadas as súas penas ou foron excarcerados como consecuencia da que definiu como “a lei da vergoña”. Unha norma, lamentou, que “tanta angustia e sufrimento devolveu a tantas mulleres, convertidas de novo en vítimas”.
Fronte a este “estrondoso fracaso”, engadiu Rilo, “o único que encontramos foi unha absoluta falta de dilixencia por parte do sanchismo para poñer solución a esta sangría de rebaixas de penas e excarceracións, provocadas por unha ministra que se nega a pedir perdón ás vítimas afectadas”.
“É obvio que as mulleres non preocupan o máis mínimo á ministra de Igualdad”, denunciou a vicesecretaria provincial, quen situou na mesma liña a Pedro Sánchez: “Só se preocupou por corrixir a lei, pero cos seus tempos, cando constatou o máis que evidente custe en votos que tería manter esta situación”.