viernes, 17 de febrero de 2023

O PP de Ourense denuncia o “preocupante aumento” do 17 % nos índices de criminalidade rexistrados na provincia durante o pasado ano

Os deputados do Partido Popular no Congreso, Ana Vázquez e Celso Delgado, denunciaron hoxe o “preocupante aumento” dos índices de criminalidade na provincia de Ourense rexistrados entre os meses de xaneiro e setembro de 2022, en comparación co mesmo período do ano anterior. 

Neste tempo, o rexistro de infraccións penais mostra un incremento do 17 %, con especial incidencia nos delitos contra a liberdade sexual, roubos con violencia e mesmo rifas tumultuarias.

Unha “grave situación á que se suma a inoportuna e inadecuada derrogación parcial da Lei de Protección da Seguridade Cidadá, que desprotexe ás forzas e corpos de seguridade do Estado e vai facilitar á imposición nas rúas dos delincuentes”, afirmou Ana Vázquez durante a comparecencia ante os medios de comunicación celebrada esta mañá na sede provincial do PP, na compaña tamén dos senadores Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte e Francisco José Fernández.

 

A análise dos índices de criminalidade, explicou a deputada, permite comprobar como entre xaneiro e setembro de 2022 rexistráronse na provincia de Ourense 7.190 delitos, “máis dun millar con respecto ao mesmo período do ano anterior (6.148). Neste sentido rexeitou as valoracións que sitúan este aumento no final das restricións da pandemia en 2021: “Nese ano houbo 1.872 delitos máis que os rexistrados no ultimo trimestre do goberno do PP en 2017”.

 

Celso Delgado subliñou a preocupante incidencia no referido aos delitos contra a liberdade sexual, que tamén neste punto coincide “co desprezo ás vítimas e ás familias dos agresores e violadores, como consecuencia dunha lei nefasta, a do Só si é si, que facilitou na provincia de Ourense dez rebaixas de penas e dúas excarceracións”.

 

Neste capítulo, os datos sinalan que os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual aumentaron un 39 %, pasando dos 59 casos entre xaneiro e setembro de 2021 a 82 no mesmo intervalo de 2022; as agresións sexuais con penetración subiron un 22,2 % (11 casos fronte a 9); e o resto de delitos destas características “subiron un máis que preocupante 42 %, chegando ata os 71 casos”, sinalou Ana Vázquez.

 

As maiores subas, apuntou, tamén se atopan nos furtos, que medran un 53,7 % con 1.299 casos; os roubos con violencia e intimidación cun 47,5 % máis (90); as subtraccións de vehículos cun aumento do 39,4 % (46), “e mesmo as rifas tumultuarias, que se aproximan ao 27 %, aínda que máis aló das porcentaxes o preocupante é que o número destes últimos casos chegue case ao centenar”, advertiu a deputada.

 

CORRELACIÓN COS DATOS DA CIDADE


Todos estes datos tamén teñen a súa correlación cos da cidade, onde os delitos contra liberdade e indemnidade sexual subiron un 58,6 % (46); as agresións sexuais con penetración un 33,3 % (8); e o resto destes delitos un 65,2 % (38). Os furtos medraron un 63,7 % (804); os roubos con violencia e intimidación un 56,8 % (69); e as rifas con delitos graves ou menos graves de lesións tamén se aproximan ao 27 %, con 43 casos.

 

CONTRARREFORMA DA LEI DE PROTECCIÓN DA SEGURIDADE CIDADÁ


Mentres medran os índices de criminalidade, denunciou Ana Vázquez, “nada xustifica que se impulse agora unha contrarreforma da Lei de Protección da Seguridade Cidade, que vai afectar negativamente ás condicións de traballo dos corpos e forzas de seguridade do Estado e, en consecuencia, á eficacia da súa actuación”. En materia de seguridade, subliñou, “non pode haber política de boísmo”.

 

A deputada lembrou que a lei foi aprobada en 2015 polo goberno do partido Popular, plenamente avalada polo Tribunal Constitucional nunha sentenza de 2020 e polo Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, “converténdose nunha ferramenta moi útil para a aplicación das medidas adoptadas durante o estado de alarma pola pandemia, para o exercicio das nosas liberdades e dereitos e para a protección dos corpos policiais”.


Non obstante, lamentou Vázquez, “agora asistimos a unha nova irresponsable e insensata cesión do goberno de Sánchez ante os seus socios radicais e populistas, e por iniciativa do PNV acepta derrogar os preceptos máis relevantes desta lei, rachando co equilibrio entre liberdade e seguridade e desprotexendo a policías nacionais, autonómicos e gardas civís”.

 

FALTA DE UNIDADES, AXENTES E MEDIOS


“A xente paga impostos e esixe seguridade, pero na provincia de Ourense nin temos as unidades necesarias e aprobadas, nin axentes suficientes e medios escasos”.

 

Neste sentido denunciou que aínda está sen crear a Unidade de Seguridade Cidadá da Garda Civil (Usecic), aprobada no Congreso en 2020, “que sitúa a Ourense, xunto con Lugo, como as únicas dúas provincias de España sen esta unidade”. Ademais, faltan 100 gardas civís na provincia e só o 10 % dos cuarteis abren as 24 horas.

 

Na Policía Nacional, que só vai cubrir dúas vacantes tralo anuncio realizado onte polo Goberno, a Unidade de Prevención e Reacción (UPR), creada en 2016, aínda carece de material. E de 500 axentes que deberían integrar a unidade adscrita da Policía Autonómica, só hai 363 prazas cubertas.


https://www.farodevigo.es/ourense/2023/02/18/pp-ourense-denuncia-incremento-39-83175937.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2023/02/18/solo-10-cuarteles-guardia-civil-ourense-abren-24-horas/0003_202302O18C3993.htm